A estación de tren da Coruña comeza este venres un mes de cortes por obras en que Renfe fretará buses
A estación de tren da Coruña comeza este venres un mes de cortes por obras en que Renfe fretará buses
Os viaxeiros deberán transbordar do autobús ao tren nas estacións de Santiago e Betanzos
A circulación de trens estará totalmente cortada na Coruña desde o 26 de xuño ao 10 de xullo
A estación de tren da Coruña comezará este venres, 5 de xuño, máis dun mes de cortes por obras, un período no que Renfe fretará autobuses para os desprazamentos.
A primeira fase comeza este venres e dura ata o 25 de xuño. Os trens rexionais A Coruña-Vigo Guixar e os trens de Media Distancia A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol realizarán transbordos por estrada. Concretamente, os rexionais A Coruña-Vigo, desde a cidade herculina ata Santiago de Compostela, e os outros dous, tamén desde A Coruña ata Betanzos-Infesta. Os transbordos serán en ambos os sentidos.
Ademais, por necesidades de rotación de material, o último tren Madrid-A Coruña do día 25 de xuño tamén realizará por estrada o tramo Santiago de Compostela-A Coruña.
A interrupción total do tráfico chegará coa segunda fase das obras, que arrinca o 26 de xuño e durará ata o 10 de xullo. Renfe facilitará a mobilidade dos viaxantes en bus entre A Coruña e Santiago de Compostela para trens rexionais, media distancia, Avant e alta velocidade. Tamén entre A Coruña e Betanzos Infesta para trens de media distancia da liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol.
Igual que na fase anterior, por necesidades operativas de situación de material rodante, os primeiros servizos da mañá do 11 de xullo tamén poden verse modificados.
Todos estes cambios responden ás probas e comprobación das vías da futura estación intermodal que está a realizar o Adif. A partir do 10 de xullo xa se poderá comezar a utilizar parte destas novas infraestruturas.