Calvo reprocha a ausencia de Puente na Conferencia de Transportes: "É unha tomadura de pelo"
O conselleiro da Presidencia reitera que Galicia lle volverá esixir ao Ministerio de Transportes melloras nos trens e nas estradas estatais
O Goberno galego reprocha a ausencia do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, que este martes non acudiu á Conferencia Sectorial de Transportes tras catro anos sen convocarse.
O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tachou de "tomadura de pelo" a ausencia do ministro nunha cita en que Galicia volveu esixir melloras nos trens e nas estradas estatais.
A Conferencia Sectorial de Transportes, principal órgano de cooperación entre o Ministerio de Transportes e Mobilidad Sostible e as comunidades autónomas para coordinar as políticas públicas en materia de transporte e mobilidad, non se convocaba desde xullo de 2022.
A xuntanza celebrouse este martes en Madrid en ausencia do titular da carteira, para malestar das comunidades gobernadas polo Partido Popular, pero tamén doutros "conselleiros socialistas que tampouco entendían que o ministro non estivese nesa reunión, foi unha descortesía", asegurou o conselleiro de Presidencia nunha entrevista no programa Bos días de Televisión de Galicia.
Segundo Calvo, Puente non ten interese en reunirse coas comunidades autónomas, maioritariamente gobernadas polo PP, polo que o único motivo, ao seu xuízo, para a celebración da reunión era evitar que llo esixise un tribunal: "É unha tomadura de pelo máis que había que cumprir porque xa tiñamos acudido á xustiza para pedir que se reunise a comisión sectorial; esta non é maneira de entender a política".
"Os asuntos que tiñamos que tratar eran importantísimos e moitos tiveron que ser incluídos a última hora a petición das comunidades autónomas do PP pero só foi un intercambio de intervención que non valeu para nada máis que para perder o tempo", sostivo. "O único avance é que sentamos todos xuntos por primeira vez en catro anos".
O conselleiro galego acusou o Goberno de Pedro Sánchez de negociar sobre asuntos que son competencia das comunidades autónomas fóra das conferencias sectoriais, "noutros foros onde non están representadas como tal e sen telas en conta". "É un atropelo que poderemos chegar a denunciar", asegurou.
Asuntos pendentes
No caso de Galicia, Calvo lamentou que cuestións como o estado do ferrocarril, das estradas ou o financiamento do transporte quedaran sen resposta: "Nós imos seguir reclamando unha conferencia sectorial para cada asunto".
"Queremos saber, por exemplo, como se vai integrar o abono único de transportes nas políticas que cada comunidade temos en marcha", afirmou o conselleiro, quen avanzou que "en principio a idea é boa pero non imos saír na foto ata que saibamos o que custa".
No tocante ao ferrocarril, Calvo detallou que das 130 incidencias rexistradas no que vai de ano, o 60 % producíronse nun semestre: "Queremos saber as causas, que se está a facer e cal e o ritmo dos investimentos pendentes". Tamén sobre o tren, o Goberno galego espera resposta acerca da conversión do treito entre Ourense e Santiago ao ancho internacional para permitir a entrada doutras compañías na conexión con Madrid e abaratar así os billetes.
Outros asuntos pendentes que enumerou Calvo son o plan director do Corredor Atlántico, o remate da autovía Santiago-Lugo, "que leva máis tempo de prórroga que os prazos marcados na licitación" e a "deixadez" do estado de conservación da rede de estradas estatais en Galicia, "que asusta a calquera".