Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feridas 44 persoas ao descarrilar un tren rexional no norte de Francia

Feridas 44 persoas ao descarrilar un tren rexional no norte de Francia

O convoi facía o traxecto entre Ruán e Caen, en Normandía, e transportaba 186 pasaxeiros

Un anaco de raíl de 300 quilos atravesado na vía figura como posible causa do accidente

Imaxe do tren descarrilado. FRANCE PRESS Imaxe do tren descarrilado. FRANCE PRESS
G24.gal 12/09/2026 08:20 Última actualización 12/09/2026 20:58

Un anaco de raíl duns 300 quilos posto na vía ferroviaria figura como a posible causa do descarrilamento dun tren rexional que circulaba este venres entre Ruán e Caen, no norte de Francia. Un total de 44 persoas quedaron feridas, unha delas moi grave.

As investigacións apuntan a un acto malintencionado -unha figura xurídica en Francia que abarca desde a sabotaxe ata o vandalismo-. De feito, o presidente da rexión de Normandía, Hervé Morin, declarou que a barra de ferro "non chegou alí por casualidade".

"O que desexo é que teñamos un procedemento xudicial que sexa extremadamente rigoroso e que poidamos saber quen é o responsable deste acto, se tal é o caso", indicou ao medio Ouest France.

Nun comunicado, o fiscal de Ruán, Sébastien Gallois, non deu detalles do obxecto atopado na vía e limitouse a dicir que de momento "se descoñece" a súa orixe.

Así e todo, descartou "hoxe por hoxe" que exista algún elemento que permita falar dun "atentado", como denunciaron algúns responsables políticos. 

O maxistrado sinalou que "se incautou a caixa negra do tren" e que requiriu a presenza dun perito xudicial para esclarecer as circunstancias do accidente. O condutor do tren TER deu negativo en todas as análises toxicolóxicas ás que se someteu.

Unha muller en estado moi grave

Das 44 persoas feridas, unha muller de 18 anos ingresou en estado moi grave, pero a súa vida non corre perigo, segundo sinalou en X o ministro de Transportes de Francia, Philippe Tabarot.

O tren rexional TER que transportaba 186 pasaxeiros e cubría o traxecto Ruán-Caen descarrilou, ao redor das 19:45 horas, entre Tourville e Elbeuf-Saint-Aubin, á altura do municipio de Cléon, no departamento de Seine-Maritime.

Nun testemuño á canle pública Ici, Louis, de 24 anos, contou que, ao principio, sentiu unhas sacudidas normais, pero "aos dous ou tres segundos volveuse cada vez máis forte".

"Xa non me sostiña no meu asento, tiven que agarrarme ao asento de adiante. Empezamos a descarrilar, as fiestras estouparon parcialmente, sobre todo na parte dianteira do vagón. As pedras da vía saíron voando por todo o vagón. Había cristais rotos por todas partes (...). Aínda estou a tremer", relatou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade