Román Rodríguez: "Estamos nun dos niveis máis altos, con 32.712 docentes"
O conselleiro de Educación asegura que en secundaria hai uns 900 profesionais máis ca o curso anterior
Nunha entrevista na Radio Galega, subliña que a redución da razón entre estudantes profesor mellora a situación do alumnado
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP asegura que a normalidade foi a “tónica dominante” nun inicio de curso marcado polo incremento de profesorado, 956 máis ca o curso anterior, e a redución do número de alumnos: uns 4.600 menos.
Esta circunstancia, indicou, mellora as razóns de 25 a 20 alumnos en infantil e primaria.
“Tamén hai outras cuestións moi innovadoras como computar os alumnos con discapacidade por dous ou por tres”.
Román Rodríguez engadiu que a addenda asinada con varios sindicatos sobre o Acordo de Mellora da Calidade Educativa de 2023 permitiu unha reorganización do horario dos profesores de secundaria que favorece unha atención individualizada.
“Isto sitúanos nun dos niveis máis altos de profesorado que temos ata o momento. Estamos arredor dos 32.712 profesores. Tendo en conta que o número de alumnado baixa, isto vai reducir as razóns educativas e mellorar a atención".
O titular de Educación tamén se referiu ao programa de reforzo extraescolar que se vai implementar para os alumnos de sexto de primaria.
Segundo explicou, o salto de primaira a secundaria é difícil para os alumos con dificultades de aprendizaxe, que fóra do horario escolar poderán mellorar en competencias básicas.
“Principalmente mates e linguas para que poidan adaptarse mellor, que non sufran tanto en secundaria”.
Auxiliares de conversa
Román Rodríguez indicou que a Xunta traballa coa comunidade educativa no novo programa por mor das multas que o Ministerio de Traballo impuxo a algunhas comunidades.
“Era un programa moi bo do Ministerio de Educación que as os gobernos autonómicos seguiamos ao pé da letra pero outro Ministeriro multa as comunidades por seguilo ó pé da letra. Non ten sentido”.
Informe Pisa
O responsable de Educación da Xunta asegurou que a causa dos malos datos obtidos polos alumnos españois no Informe Pisa 2025 está nos currículos “absurdos nos que se relega o coñecemento".
“Hai unha perda absoluta da cultura do esforzo. Dá igual aprobar que suspender porque podes promocionar con 3, 4 ou 5 materias supensas. Estamos nunha situación na que o socialismo educativo caeu do seu cabalo e ese modelo non serve”.