Os orzamentos da Xunta contemplan a creación de case 1.000 novas prazas de docentes
Asemade, incluirán máis de 72 millóns no Plan de nova arquitectura pedagóxica para realizar obras por toda Galicia
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aumentará en 175 millóns de euros o capítulo de persoal nas contas da Xunta para 2027, o que permitirá ter case 1.000 profesores máis nas aulas este curso, con especial atención á diversidade.
Así o destacou este venres o conselleiro Román Rodríguez durante unha visita ao Colexio Vicente Risco de Vigo, onde asegurou que se trata dunha cantidade "tremendamente significativa".
Segundo dixo, trátase dun exercicio no que os orzamentos de Educación teñen unha "gran expansión" desde a perspectiva dos recursos humanos ao darse cumprimento ao compromiso adquirido coas organizacións sindicais para a reorganización da actividade profesional dos docentes de secundaria, pasando de 20 períodos lectivos a 18.
"Iso supuxo un incremento do profesorado para secundaria, xunto co esforzo feito en plan de atención á diversidade", sinalou.
Na súa intervención, o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP sostivo que, alén do esforzo en recursos humanos para ter un servizo educativo de calidade, é importante o traballo que se fai de apoio ás familias.
Así, puxo en valor o respaldo ás familias a través dos libros de texto, material e comedor escolar e indicou que, no comedor, alcánzase unha marca de 70 millóns de euros, un 7% máis con respecto a 2026.
Tamén se suma un novo tramo de beneficiarios nas axudas para alumnos que asisten a este tipo servizo xestionado por Anpas, concellos e colexios concertados.
Deste xeito, na convocatoria do próximo ano, a maiores da axuda de 150 euros actual, abrirase un segundo tramo de 100 euros para rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.
Ademais, avanzou que os orzamentos incluirán máis de 72 millóns no Plan de nova arquitectura pedagóxica para realizar obras por toda Galicia.
Universidade
Preguntado ao respecto, o conselleiro de Educación lembrou que as contas prorrogarán o financiamento universitario como "xa estaba previsto e pactado".
"Galicia é unha das poucas Comunidades autónomas que ten financiamento universitario plurianual, o que posibilita dar certeza económica na xestión ordinaria ás propias universidades", indicou para asegurar que tamén é unha das comunidades nas que este financiamento "é máis forte".
O conselleiro sinalou que se decidiu prorrogar en acordo coas universidades debido fundamentalmente ao feito de que en 2026 houbo dous procesos electorais, na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na de Vigo (UVigo).
"Agora estamos a traballar xa no novo plan para o próximo período plurianual", dixo.