O Papa recibe a alta hospitalaria e regresa ao Vaticano esta tarde
Operado dun adenocarcinoma pulmonar, permaneceu ingresado cinco días no hospital Gemelli de Roma
Segundo informa a Santa Sé, este domingo vai rezar o Angelus dende a fiestra dos aposentos papais
Vista xeral do hospital Gemelli. REUTERS/Stoyan Nenov
O papa León XIV recibiu este sábado a alta hospitalaria tras operarse dun adenocarcinoma pulmonar, segundo informa a oficina de prensa do Vaticano.
"Tras as análises de sangue, a radiografía de tórax realizada esta mañá e a avaliación do seu estado clínico, o Santo Padre foi dado de alta", indica a comunicación do equipo médico difundida pola Santa Sé.
Tras cinco días ingresado no hospital Gemelli de Roma, o pontífice regresará ao Pazo Apostólico a primeira hora da tarde e "mañá rezará o Angelus desde a fiestra dos aposentos papais".
O domingo 11 de outubro, o pontífice anunciou publicamente na praza de San Pedro que tiña que someterse a unha cirurxía para extirparse un nódulo nun pulmón.
A intervención do pontífice tivo lugar o día 13 pola tarde, nunha operación que durou 90 minutos e na que lle extirparon un adenocarcinoma e o lóbulo inferior do pulmón dereito, mediante unha técnica "radical" de cirurxía videoasistida para extraer o tecido canceroso.
O Papa oficia unha misa no policlínico tras a operación. VATICANO vía REUTERS
Evolución favorable
A recuperación postoperatoria evolucionou de xeito favorable nos cinco días que permaneceu hospitalizado, o que lle permitiu retomar parte da súa actividade laboral.
O Vaticano difundiu este venres as primeiras fotografías de León XIV tras a operación. Nas imaxes aparece oficiando misa no Gemelli, con aparente bo aspecto, xunto ao seu secretario privado, o peruano Edgar Rimaycuna.
Ademais, transcendeu que nas últimas horas mantivo unha conversa co presidente ruso, Vladímir Putin, para pedirlle unha tregua con Ucraína e ofrecerlle diálogo.
Segundo a Santa Sé, expreseoulle a súa fonda preocupación pola grave crise humanitaria de Oleshki, na rexión de Khersón e reclamou a chegada de axuda alimentaria e sanitaria a esa zona.