Récord de matriculados este curso en FP en Galicia, superando os 75.300 alumnos
A inserción laboral é dun 85% ao rematar os estudos e as ramas máis demandadas seguridade, medio ambiente, a sanitaria, administración e xestión e informática
Medrou a matrícula en todas as provincias e os graos de ensino superior son os que teñen máis alumnos
Os datos de matriculación en FP na comunidade galega medran cada ano, chegando este curso a unha marca histórica de 75.383 estudantes, case un 6% máis que o pasado curso.
O nivel de inserción laboral é dun 85% ao rematar os estudos e as ramas máis demandadas son: seguridade e medio ambiente, a sanitaria, administración e xestión e informática.
Son datos aos que se referiu na tarde deste mércores o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita ao CIFP Montecelo, en Pontevedra.
Os ensinos de grao superior son os que teñen máis estudantes
O aumento tamén é xeneralizado en todas as modalidades formativas, sendo os ensinos de grao superior as que concentran o maior número de estudantes, con 41.718 matriculados en toda Galicia, cun crecemento do 6,88%. No grao medio hai 27.732 matriculadas (5,42% máis) e un total de 5.933 matriculados no grao básico (un aumento do 0,75%).
A matrícula medrou de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense alcanza as 7.053 persoas na FP ( 7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas ( 6,76), Pontevedra con 27.642 ( 5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 matriculados ( 5,44%).