"Albaceas dixitais" para xestionar legados na rede; a lei galega de dereito civil buscará adaptarse ao contorno tecnolóxico
"Albaceas dixitais" para xestionar legados na rede; a lei galega de dereito civil buscará adaptarse ao contorno tecnolóxico
A Xunta estuda reformar a norma para regular patrimonio dixital e outros aspectos como as parellas de feito
A proposta realizada xunto ao Colexio Notarial de Galicia tamén inclúe cambios nas herdanzas para que non comprometan o propio patrimonio
O conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, presentou este mércores as conclusións do estudo levado a cabo para renovar a lei galega de dereito civil e reformar, entre outros puntos, a regulación existente sobre aspectos como o patrimonio dixital, as parellas de feito ou as sucesións.
Calvo compareceu en conferencia de prensa xunto a integrantes do Colexio Notarial de Galicia, a quen lle encargou esta proposta que expón a actualización de ata douscentos artigos da norma vixente.
O decano deste colexio, José María Graíño, advertiu de que o exposto non se trata dun "texto pechado", senón dun documento inicial para esta renovación que, segundo precisou Calvo, será sometido a consulta con outras entidades antes de ser aprobado no Consello da Xunta e iniciar a súa tramitación parlamentaria.
Graíño puntualizou que a norma require dunha "revisión profunda" para adaptarse ás "peculiaridades" e "inquietudes" da sociedade galega actual e por ese motivo propuxeron incidir nos asuntos que detectan como prioritarios en notaríalas da comunidade.
Deste xeito, incídese sobre as regulacións que rexen as parellas de feito, figura legal en auxe, ou o contrato de vitalicio, para as persoas que reciben coidados a cambio de legar os seus bens.
De igual xeito, a proposta introduce o concepto de "albacea dixital", que será "aquela persoa que, por encargo directo, do causante ou do testador" se encargue de xestionar os seus perfís nas redes sociais e webs, así como outros activos dixitais, conforme a vontade dos falecidos.
Outra das novidades que se propón incluír é a determinación da responsabilidade limitada dos herdeiros para responder das débedas adquiridas, para que estas só cheguen "ata onde alcancen os bens que reciban" sen comprometer outro patrimonio e así tratar de reducir o número de renuncias.
Diego Calvo salientou que esta reforma está pensada para aumentar a protección e a seguridade xurídica en resposta aos cambios detectados na sociedade actual cun intento de reducir as "incertezas" nestes procesos e dispoñer de instrumentos xurídicos" máis claros".