Os concellos costeiros toman medidas para restrinxir o uso irresponsable da auga
O aumento do consumo pola poboación estival obriga a regular o uso para o ocio e o rego de xardíns públicos e privados
O obxectivo das normas é evitar a falta de presión ou os cortes puntuais que xa sofren algúns barrios
As escasas chuvias e as elevadas temperaturas das últimas semanas obrigaron a moitos concellos a restrinxir o consumo de auga.
Deste xeito, as medidas prohiben regar coa auga da traída, tampouco se pode encher piscinas, baldear ou lavar o coche. Moitas vilas cortan a subministración das fontes decorativas e das duchas nas praias. A meirande parte dos concellos galegos piden que se faga un uso responsable.
Concellos costeiros como o de Boiro duplican a súa poboación coa chegada do verán e tamén o consumo de auga. Isto obriga a que moitas localidades teñan que activar medidas preventivas que garantan o abastecemento. A restrición do rego nos xardíns entre as oito e as once da noite, igual ca o lavado de patios ou a decisión de pechar as duchas das praias son xa novas normas coas que hai que convivir nos últimos veráns.
"A infraestrutura que temos agora mesmo queda moi curta para tanta xente que aparece nestes meses de verán e entón o problema está aí. E hai moita xente que non é moi consciente e lava o coche na casa, rega as súas cousas. Agora pecharon as duchas porque a xente despreocúpase e tira auga sen motivo. E está todo seco porque non se pode regar", explica un veciño
O persoal municipal vixía a existencia de enganches non permitidos e os consumos que se disparan sen xustificación. De momento os veciños de barrios como o de Cimadevila, Triñáns ou Cabo de Cruz foron os primeiros en constatar a falta de presión e incluso os cortes.
"Desde que comezou o verán a subministración da auga vai cada mes a pior. Hai menos potencia e incluso ás noites quedo sen auga", di Alejandra Duque, hostaleira de Boiro
Queda aínda verán por diante, e os concellos que detectan xa a escaseza no servizo advirten que de constarse un uso irresponsable da auga será preciso adoptar medidas máis restritivas.