Renfe permitirá viaxar con cans de ata 40 quilos en todos os seus trens
Os cans ocuparán a praza interior xunto ao portelo, ao lado dos seus donos, que os deberán levar cunha correa non extensible de 1,5 metros e coa boceira posta tanto na estación como no momento do embarque e o desembarque do tren
O dono deberá viaxar coa documentación oficial en regra: cartilla de vacinación actualizada ou o pasaporte europeo para animais de compañía e mais un kit de limpeza
Can. Foto de arquivo / EuropaPress
Os cans de ata 40 quilos poderán viaxar xunto aos seus donos, tanto nos servizos comerciais de Renfe (AVE, Avlo, Alvia, Euromed e Intercity) como nos de Servizo Público (Avant e Media Distancia), a partir do próximo 21 de xullo, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Can.
Ata o de agora, este servizo só estaba dispoñible nalgúns trens de AVE e corredores ferroviarios (desde 2022 nos corredores Madrid-Zaragoza-Barcelona e Madrid-Málaga, e posteriormente en Madrid-Valencia, Madrid-Alacante e Madrid-Granada).
Desta forma, Renfe convértese no único operador que permite viaxar con cans de ata 40 kg en todos os trens, buscando contribuír a unha mobilidade máis inclusiva e adaptada ás novas formas de viaxar, segundo sinala nun comunicado, no que defende que se consolidou como unha das compañías ferroviarias europeas máis avanzadas para viaxar con mascotas.
Alén de poder viaxar coa mascota de gran tamaño en todos os traxectos, este novo modelo tamén ofrece a posibilidade de acceder ao tren desde calquera parada intermedia e non só ao comezo da viaxe.
En cada tren poderán viaxar dous cans de ata 40 kg, que se situarán no coche pet friendly, a un custo de 40 euros en AVE, Alvia, Intercity, Euromed e Avlo. Quedan excluídos destas viaxes os cans menores dun ano, os de raza potencialmente perigosa ou femias en celo.
Requisitos e medidas de seguridade
Os cans ocuparán a praza interior xunto ao portelo, ao lado dos seus donos, que os deberán levar cunha correa non extensible de 1,5 metros e coa boceira posta tanto na estación como no momento do embarque e o desembarque do tren.
O dono deberá viaxar coa documentación oficial en regra: cartilla de vacinación actualizada ou o pasaporte europeo para animais de compañía e mais un kit de limpeza (empapador, toalliñas, bolsas, spray desinfectante e antiolor).
No control de acceso aos trens de Servizos Comerciais (AVE, Alvia, Avlo, Euromed, Intercity), e tamén no Avant de Servizo Público, entregarase aos donos un kit de viaxe composto por unha funda de asento e unha alfombra para o can que o dono deberá colocar no asento e retirar cando finalice a viaxe.