Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acordo no Congreso para ter listo en maio un relatorio sobre o traspaso da AP-9

Acordo no Congreso para ter listo en maio un relatorio sobre o traspaso da AP-9

Queren pedir a transferencia da titularidade á AP-9, e non só da xestión, tal e como aprobou o Parlamento de Galicia

G24.gal 29/04/2026 19:09 Última actualización 29/04/2026 20:39

Os grupos parlamentarios que forman o relatorio sobre a lei de traspaso da AP-9 constituído hai un mes no Congreso acadaron este mércores un compromiso para acordar antes de que remate o mes de maio un texto que de forma inmediata se poida aprobar.

O deputado do BNG, Néstor Rego, informou deste acordo despois da reunión a porta pechada do relatorio e explicou que ata entón os grupos continuarán falando.

Rego indicou que o BNG defende que o texto que saia do relatorio do Congreso respecte o acordo unánime do Parlamento de Galicia "xa en catro ocasións", segundo o cal se debe producir a transferencia da titularidade á AP-9 e non só da xestión.

Debe quedar claro ademais, subliñou, que todas as obrigas e responsabilidades derivadas das actuacións do Goberno do Estado nos anos que leva sendo titular da autoestrada continuarán correspondendo ao Goberno central, de maneira que a Administración galega non teña que asumir "cargas que non lle corresponden".

"Nós entendemos que o lóxico sería aprobar a lei tal e como saíu do Parlamento de Galicia, por iso non presentamos emendas", manifestou.

O deputado do PP Celso Delgado lembrou nun audio facilitado á prensa que non fai aínda unha semana no Parlamento galego aprobouse unha iniciativa rexistrada pola súa organización, aprobada por unanimidade, para pedir que se respecte a "literalidade" da proposición de lei orgánica que saíu desa Cámara.

Polo PSOE, a deputada Patricia Otero indicou que segue traballando para que a AP-9 sexa de titularidade galega e, sobre todo, "para que non lle custe nin un euro aos usuarios que a día de hoxe seguen pagando unha prórroga do PP xa declarada ilegal pola Comisión Europea".

O Congreso dos Deputados celebrou o pasado 26 de marzo a sesión constitutiva do relatorio sobre a lei de traspaso da AP-9, tras as críticas do PPdeG e o BNG polo atraso nesta tramitación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade