Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xustiza recoñece por vez primeira o cóbado de tenista como enfermidade profesional das caixeiras

A xustiza recoñece por vez primeira o cóbado de tenista como enfermidade profesional das caixeiras

O ditame do TSXG admite o recurso dunha traballadora contra Vego Supermercados no que se recoñece que a súa incapacidade temporal, por unha epicondilite, "deriva de enfermidade profesional" a causa das tarefas que desempeña como caixeira nun súper de Arteixo 

A sentenza, contra a que cabe recurso de casación, recoñece tamén a discriminación por razón de xénero 

A traballadora Noelia Gerpe e a representante da CIG, Raquel López
G24.gal 29/04/2026 15:12

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñece o cóbado de tenista como enfermidade profesional para as caixeiras de supermercado.

Noelia levaba 27 anos pasando produtos pola caixa dun súper de Arteixo.

"Collemos pedidos de packs de cervexa que non entran na bolsa, que teñen que ir directamente na caixa. Iso de que as caixeras non collemos peso, non", asegura Noelia Gerpe, a caixeira á que lle recoñeceu o TXSG que o cóbado de tenista que padece é unha enfermidade profesional. 

O ditame, con data de 24 de marzo de 2026, admite o recurso da traballadora contra Vego Supermercados (Eroski-Familia) e a súa mutua Fraternidade Muprespa, así como contra a Seguridade Social e revoga a sentenza dun xulgado da Coruña.

Agora cabe interpoñer recurso de casación contra este ditame.

A sentenza conclúe que o caso de incapacidade temporal desta traballadora "deriva de enfermidade profesional" debido ás súas tarefas desempeñadas.

Discriminación por ser muller 

Ademais, apunta á discriminación por razón de xénero, posto que o decreto de enfermidades profesionais, indica o ditame, inclúe o cóbado de tenista en profesións masculinizadas (mecánicos ou albaneis), pero non se inclúe a categoría de caixeira, profesión feminizada.

A delegada de prevención da CIG, sindicato que representou a traballadora, en Vego Supermercados (Eroski-Familia), Raquel López Reimúndez, afirmou que esta doenza "é moi habitual no sector despois de moitos anos de movementos repetitivos e forzados nas caixas, sen que as empresas tomen as medidas preventivas necesarias".

Por iso, a representante sindical apunta á "gran relevancia" desta sentenza para o sector, composto principalmente por mulleres, que acumula anos de doenzas polo seu emprego e que "non son recoñecidas como derivadas do traballo polas mutuas".

Pola súa banda, Noelia Gerpe asegura que o fallo "recoñece o que levamos denunciando desde hai anos na CIG: as traballadoras somos discriminadas ata na enfermidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade