Publicador de contidos

Publicador de contidos

José González: "A falta de inspectores colapsa a tramitación das baixas longas"

José González: "A falta de inspectores colapsa a tramitación das baixas longas"

O conselleiro de Emprego afirma que en tres anos se dupricou o número de expedientes sen resolver

A Xunta aposta polo diálogo social para ter listo en xullo o Plan integral de loita contra o absentismo laboral

José González asegura que Galicia conta cos profesionais que requiren proxectos industriais como o de SAIC MOTOR

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no estudio da Radio Galega.
G24.gal 21/06/2026 09:25

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración afirma que hai un “colapso absoluto” na tramitación das baixas de longa duración, de máis de 365 días, que xestiona a Seguridade Social.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José González explicou que, tras unha modificación lexislativa en 2023, elimináronse os equipos de valoración de incapacidades e atribuiuselle esta competencia aos inspectores da Seguridade Social. A raíz deste cambio, tamén se prorrogaron automáticamente por seis meses as baixas que chegan aos 365 días. Todo isto, abondou, engadido á falta de inspectores, fixo que o número de expedientes sen resolver se dupricase en só tres anos, entre 2022 e 2025.

“O colapso é absoluto… Estamos a falar de que hai xente nesas baixas de longa duración que espera moito tempo a que se resolva o seu expediente e sabe por que? Porque lles esqueceu contratar máis inspectores, que é o que denuncian os sindicatos. Hai prazas sen cubrir e, probablemente, necesitemos o dobre de inspectores para sacar adiante eses expedientes. En 2022 había 60 mil expedientes sen resolver e en 2025, 150 mil”.

José González indicou que non se está a poñer en dúbida o dereito dos traballadores ás baixas laborais pero que as administracións deben asumir as súas responsabilidades e resolver o “colapso burocrático”.

“Non beneficia para nada á saúde da xente que está nesta situación porque están nunha sorte de limbo que incluso lles pode afectar á súa cotización. Esto é do que temos que falar. Non estamos a demonizar a ninguén, non estamos a poñer en dúbida o dereito dos traballadores ás baixas laborais, o que estamos a pedir é que, entre todos, asumamos as nosas responsabilidades”.

O titular de Emprego indicou que, no ámbito sanitario, a Xunta xa tomou medidas ao nomear 18 inspectores “para poder axilizar as baixas de máis de 365 días e, á vez, simplificar a colaboración que fan sempre as mutuas”.

“Esquezamos iso de que imos privatizar a sanidade. Non é certo, as mutuas colaboran na xestión das baixas. O que temos que facer é quitarlle burocracia  para que unha persoa que estea en condicións de volver traballar o faga canto antes respectando sempre -non me vou cansar de dicilo- o dereito dos traballadores que teñan unha enfermidade, unha lesión ou un accidente a ter esa cobertura económica e social o tempo que sexa necesario”.

José González defendeu a aposta da Xunta para combater o absentismo laboral a través do diálogo social e do consenso. Lembrou que o goberno galego constituiu unha mesa na que están as empresas e o sindicato UXT e lamentou as protestas da CIG, que ocupou sedes da Xunta e do Sergas, para expresar o seu rexeitamento á modificación do Plan de mellora e control da incapacidade temporal.

“A que está totalmente equivocada é unha forza sindical que cre que defender os dereitos dos traballadores é alentar o conflito. Non creo que as situacións de tensión axuden a poñerlle solución ao problema das baixas. Creo máis no consenso e no diálogo social”

O responsable de Emprego da Xunta sinalou que en 2025 se incrementou o absentismo laboral con respecto á 2024  polo que urxe tomar medidas. José González avanzou que prevén ter listo o Plan integral contra o absentismo ó longo do mes de xullo unha vez que empresarios e sindicatos presenten as súas propostas.

Tamén se referiu, na Radio Galega, á proposta da CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) para que a Seguridade Social asuma o custo das baixas dende o primeiro día.

“Eu creo que máis que pensar en quen paga estas cuestións, o que temos que pensar é en reducir a problemática”.

Programa Retorna Cualifica Emprego

O titular de Emprego defendeu a necesidade de reter o talento que temos na comunidade a través da formación para o emprego.

Neste senso José González reclamou máis flexibilidade nun contexto no que a Intelixencia Artificial obriga a unha actualización constante dos que están no paro como dos que xa están traballando.

“Na formación necesitamos unha flexibilidade que non temos. E dirán os que nos están a escoitar, pois solucionádeo pero, claro, precisamos fondos finalistas do Goberno central. Cada vez que imos a Madrid demandamos esa flexibilidade. Galicia está a facer os seus deberes: regulamos as microcredenciais, a formación de curta duración, para afinala o máximo posible ás necesidades do mercado laboral”.

José González indicou que tamén é necesario atraer talento foráneo e facelo apostando polo arraigo a través da estratexia Retorna que, entre 2018 e 2024, trouxo a Galicia 50 mil galegos do exterior.

“Estamos traballando dun xeito moi organizado, como nos gustaría que fose toda a inmigración en España. Que a xente que veña o faga xa cun contrato de traballo. Iso en Galicia faise a través do programa Retorna Cualifica Emprego”.

González referiuse ás feiras de emprego celebradas a comezos de mes en Sao Paulo e en Salvador de Bahía, no Brasil.

“Temos compromisos de contratación, contratos indefinidos e imos aos países onde hai unha boa represetación de galegos e galegas e ofrecémosllelos a aqueles que queiran emigrar para que a súa primeira opción sexa Galicia”.

O responsable de Emprego asegurou que se viron desbordados pola alta afluencia.

“Estabamos desbordados pola afluencia de xente en Sao Paulo, arredor de mil persoas, e arredor de 500 en Salvador de Bahía… Xente cun perfil profesional impresionante e con moitas ganas de vir a Galicia, a esta que é a súa terra”.

Proxectos industriais

José González defendeu que Galicia está “absolutamente preparada” para responder á demanda de profesionais que requiren os novos proxectos industriais como o de SAIC MOTORS nas Pontes e en Ferrol.

“Nós xa estamos traballando cos clústeres empresariais para detectar as necesidades formativas, para ofrecer os profesionais que demandan eses grandes proxectos, tanto os que están anunciados como os que poidan vir. Galicia é unha terra de oportunidades empresariais e laborais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade