O Consello de Relacións Laborais media este luns entre patronal e sindicatos polo convenio do metal
A CIG convoca dous novos días de folga na provincia da Coruña para o 7 e 9 de xullo, que se suman aos previstos para o 30 de xuño e o 2 de xullo
Manifestación do sector do metal o pasado 11 de xuño na Coruña (CIG vía Europa Press)
O Consello Galego de Relacións Laborais convocou para este luns 22 de xuño, ás 16:00 horas, a representación sindical e a patronal da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña a fin de constituír a comisión de mediación para a negociación do convenio colectivo do sector.
A reunión prodúcese despois de que os tres sindicatos con representación aceptasen o proceso de mediación no AGA (procedemento de solución extraxudicial de conflitos laborais) impulsado pola patronal.
O mediador designado será o director territorial de Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia, Demetrio Fernández, e as reunións celebraranse na sede provincial da ITSS, situada na rúa da Gaiteira da Coruña.
Por parte da CIG-Industria, o seu secretario de comunicación sinalou que a organización espera que a patronal acuda a esta primeira reunión con vontade real de desbloquear o conflito, presentando propostas que permitan asinar un acordo digno e fixando un calendario áxil de reunións.
O sindicato nacionalista insiste en que, aínda que cambie o escenario, os traballadores non renuncian ás súas reivindicacións fundamentais: mellora salarial, loita contra a precariedade e avance en dereitos laborais.
A central sindical lembra que esa determinación foi a que impulsou os traballadores do sector a secundaren oito xornadas de folga que paralizaron a actividade do metal na provincia. Con todo, advirte de que non tolerará que a mediación se utilice como un mecanismo para alongar indefinidamente a negociación mentres os traballadores perden poder adquisitivo e dereitos.
"A intervención do AGA debe servir xustamente para o contrario: dotar de celeridade un proceso que o empresariado estivo entorpecendo deliberadamente desde o primeiro día", subliña a CIG.
Novas mobilizacións
Como medida de presión e para evitar que a patronal intente desactivar a mobilización ao amparo da mediación, o sindicato xa ten convocados dous novos días de folga para o 7 e 9 de xullo, que se suman aos previstos para o 30 de xuño e o 2 de xullo.
A CIG reitera a súa plena disposición ao diálogo e a negociación, pero esixe á patronal responsabilidade se realmente desexa pechar o conflito.
O sector do metal na Coruña acumula meses de tensión e mobilizacións, e todos os actores implicados miran agora cara á mesa de mediación como un posible punto de inflexión, aínda que as posicións seguen moi afastadas en materia salarial e condicións de traballo.