Publicador de contidos

Publicador de contidos

O metal aproba o acordo de convenio e desconvoca as folgas previstas para xuño e xullo na Coruña

O metal aproba o acordo de convenio e desconvoca as folgas previstas para xuño e xullo na Coruña

Recolle subidas de salario do 5 % para o ano 2026, 3 % para 2027 e 2028 e 4 % para o ano 2029

Fixa que polo menos o 75% do cadro de persoal ten que ser indefinido

Asegura un período mínimo de traballo de seis meses e mellora a indemnización por finalización dos contratos non indefinidos, que pasa de 16 a 18 días por ano traballado

Protesta de traballadores do sector do metal na provincia da Coruña (Remitida por CIG) Protesta de traballadores do sector do metal na provincia da Coruña (Remitida por CIG)
G24.gal 29/06/2026 22:17

As asembleas de traballadores do metal celebradas pola CIG na tarde deste luns aprobaron "por amplísima maioría" o preacordo de convenio asinado entre a representación sindical e a patronal a última hora deste luns.

A ratificación do texto por parte do persoal supón a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para este martes 30 de xuño, e os días 2, 7 e 9 de xullo.

A CIG-Industria valora o acordo acadado, ao recoller "os principais obxectivos marcados polo sector" para a negociación deste convenio tanto a nivel económico, como nas melloras laborais e sociais.

"Hai que destacar que chegar a este acordo só foi posible grazas á intensa loita sostida polo conxunto do persoal, que secundou de maneira masiva oito xornadas de folga e numerosas mobilizacións", apunta o sindicato.

Sobre o contido do preacordo, a nivel salarial, durante o período de vixencia do convenio (2026-2029) aplicaranse os seguintes incrementos: 5 % para o ano 2026, 3 % para 2027 e 2028 e 4 % para o ano 2029. Sumando un incremento total nestes catro anos do 15 %, coa garantía ademais de mantemento do poder adquisitivo, xa que se consegue romper coa revisión ao cruzamento que existía ata agora ao incluír unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro.

Outra das cuestións fundamentais para esta negociación refírese á loita contra a precariedade que se está a estender no siderometal. Neste sentido, cómpre subliñar que se conseguiron avances na estabilidade do emprego, ao fixarse por convenio que, como mínimo, o 75 % do cadro de persoal ten que ser indefinido; incorporar fórmulas para limitar a contratación a través de ETT; garantir a aplicación do convenio de siderometal ás persoas contratadas por esta vía; ou ampliar a subrogación á actividade de fabricación de bebidas que ata agora non recoñecera este dereito.

Para a CIG, "un salto significativo neste campo" supón o novo artigo para regular a contratación fixa descontinua que asegura un período mínimo de traballo de seis meses e activa un mecanismo para garantir un tempo mínimo de actividade continuada de 15 días.

Ademais, mellora a indemnización por finalización dos contratos non indefinidos, que pasa de 16 a 18 días por ano traballado, e tamén se mellora no caso dos cesamentos voluntarios.

En materia de xornada, durante a vixencia do convenio reducirase en 12 horas a xornada máxima anual, quedando fixada nas 1.740 horas no ano 2029; os días 24 e 31 de decembro terán a consideración de non laborables; e as vacacións pasan de 24 días hábiles a 25 desde 2027.

O preacordo incorpora ademais melloras nas condicións das persoas desprazadas; créase un plus de pernocta; aumenta o prezo da quilometraxe e mellórase o pagamento da nocturnidade e do traballo a quendas; e clarifícase a aplicación e as medidas de compensación relativas ao plus de toxicidade, perigosidade e penosidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade