Unhas 600 empresas galegas, coas mercadorías paradas polo conflito de Irán
Os sectores máis afectados son os do metal, o téxtil, a alimentación e o granito
Sectores coma o das conservas ou o granito teñen mercadorías paradas en Galicia a causa do conflito en Oriente Medio. Fletar un contenedor para trasladar os seus produtos é cada vez máis caro. As empresas galegas xa están pagando moito máis por mover as súas mercadorías.
"Non hai problema para mover mercadorías, a día de hoxe hai solucións. O que pasa é que algunhas desas solucións son, ou ben máis caras, ou levan máis tempo de tránsito", explica Iago Domínguez, do Clúster da Función Loxística.
Por exemplo, tarda máis tempo en chegar a Galicia o aceiro e o aluminio co que traballa un cento de empresas do metal.
"As empresas teñen un alto grao de proxectos asinados e aféctalle nos prazos", afirma Jennifer González, da Asociación de Industrias do Metal.
Con incumprimentos que poden traer penalizacións para as empresas. Iso temen no sector da moda e do téxtil galego, un dos máis afectados.
"Non so as empresas máis grandes tiñan en Oriente Medio un mercado importante, senón que tamén as pequenas levan tempo traballando alí con alianzas comerciais, franquiciados ou vendas directas", conta Alberto Rocha, do Clúster Téxtil Moda de Galicia.
Tamén están en risco as exportacións ao Golfo Pérsico de conservas e peixe conxelado. O sector da alimentación tamén se resente, sobre todo, polo que importa da zona.
"Si que hai importacións, por exemplo, de plástico, que pode impactar en todo o que ten que ver cos envases", detalla Juan José de la Cerda, do Clúster Alimentario de Galicia.
Afecta todo tipo de empresas, mesmo ás dedicadas ao granito.
"Feiras programadas para esta primavera están sendo reprogramadas para o verán. Se ocorre iso coas feiras, que non vai ocorrer coas obras", asegura José Ángel Lorenzo, do Clúster do Granito.
As exportacións galegas xa sufrían polos aranceis dos Estados Unidos.
"Aínda que a incidencia directa é pequena, houbo un descenso xeral do 32% das importacións e exportacións cos Estados Unidos", afirma Covadonga Toca, Directora do Instituto Galego de Promoción Económica.
A Xunta xa activou unha mesa de apoio loxístico para facer un seguimento do impacto económico deste conflito.