A calor deste outono complica as vendas do comercio de temporada
Con temperaturas por riba dos vinte graos en pleno mes de outubro, a temporada de outono no acaba de arrincar no comercio
As tendas de roupa e calzado lamentan que están a perder un dos mellores meses do ano
A roupa de abrigo convive na rúa con sandalias e pantalóns curtos. O calendario di que estamos en outono, segunda quincena de outubro, pero o tempo non acompaña.
"Levamos seis meses de verán. Os das terrazas estará contentos, pero nós que vendemos roupa...", lamenta Angélica, que ten unha tenda de roupa.
Angélica leva 33 anos no mercado e asegura que nunca caeran tanto as vendas na campaña de outono.
"Outros anos, nesta época levaba vendidas case 200 prendas de exterior. Este ano levo 60", explica.
Ocorre o mesmo no calzado. Aquí non retiraron o de verán, porque se segue vendendo, pero a rendibilidade non é a mesma.
María Xosé Díaz, vende calzado: "Este é un mes de facturar e non é o mesmo vender unhas sandalias de rebaixas que unhas botas de campaña. É nefasto".
As elevadas temperaturas das últimas semanas desaniman os clientes, e a temporada acúrtase. "Estamos xa a finais de outubro, dos mellores meses da campaña de inverno, quitando o Nadal", sinala María Xosé.
Baixaron as vendas e por tanto os ingresos, pero os gastos seguen a ser os mesmos.
Beatriz Gómez Valcárcel, presidenta da Federación de Comercio provincial de Ourense: "O comercio está atravesando unha situación delicada porque os gastos, as cargas fiscais, hai que asumilos igual todos os meses".
Temen que a campaña se lles xunte xa coas rebaixas do Black Friday.