Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG recoñece o dereito a cobrar o ingreso mínimo vital aínda que un fillo teña unha axuda para opositar

O TSXG recoñece o dereito a cobrar o ingreso mínimo vital aínda que un fillo teña unha axuda para opositar

A Seguridade Social quitáralle a unha muller da Coruña o IMV porque lle concederan á filla unha bolsa para preparar unhas oposicións á carreira xudicial 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeita que esa axuda se compute como un ingreso, motivo que alegou a administración 

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Europa Press (Arquivo) Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Europa Press (Arquivo)
G24.gal 17/06/2026 17:51

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha muller a cobrar o ingreso mínimo vital (IMV) que lle extinguiu a Seguridade Social porque a súa filla obtivo unha bolsa para opositar.

A sentenza do 11 de xuño e dada a coñecer este mércores confirma o fallo do xulgado do Social número dous da Coruña, que deu a razón a unha muller residente na Coruña que perdera o ingreso mínimo vital cando a súa filla obtivo unha bolsa para a preparación de oposicións para o ingreso nas Carreiras Xudicial, Fiscal, no Corpo de Letrados da Administración de Xustiza e no de Avogados do Estado.

A Sala do Social destaca no fallo que a axuda está destinada a sufragar gastos relacionados coa preparación das probas selectivas, polo que non debe ser considerada no cómputo de ingresos para o ingreso mínimo vital, cuxo obxectivo é previr a pobreza e a exclusión social.

A Seguridade Social, que foi quen recorreu o fallo inicial, alegou que estas bolsas deben computarse como ingresos, baseándose na normativa do imposto sobre a renda.

O Superior de Galicia fala de "discriminación institucional" por parte da Seguridade Social 

Con todo, o TSXG conclúe que esa interpretación podería levar a unha “discriminación institucional por motivos socioeconómicos sobre as familias con baixas rendas, proscrita na cláusula aberta do artigo 14 da Constitución Española”.

Considera que “se chegaría ao absurdo de que unha persoa integrada nunha familia con rendas superiores ao limiar de acceso ao IMV podería acceder a unha desas bolsas, mentres que unha persoa integrada nunha familia con rendas inferiores ao limiar de acceso ao IMV podería acceder a unha desas bolsas, pero sería un acceso meramente formal ou aparente, dado que non se aproveitaría efectivamente da finalidade que persegue a concesión da bolsa, pois expulsaría á súa familia do IMV”.

“En termos reais, estaríase a situar ás familias e ás persoas integradas nelas ao dilema de solicitar as bolsas ou o IMV e, ao cabo, estaríase a perpetuar desde as institucións a situación de vulnerabilidade que se supón que tanto as bolsas como o IMV pretenden superar, o que é algo frontalmente contrario ao artigo 9.2 da Constitución”.

A sentenza non é firme e cabe recurso ante o Supremo 

A sala do Social recalca que “as institucións, neste caso as entidades xestoras da Seguridade Social, estarían a tratar de xeito desigual, penalizando ou excluíndo dos dereitos ás persoas pola súa falta de recursos económicos”.

Os maxistrados destacan que non hai “problema insalvable” en asimilar as bolsas para a preparación de oposicións para o ingreso nas Carreiras Xudicial e Fiscal, Cuerpo de Letrados da Administración de Xustiza e Cuerpo de Avogados do Estado ao concepto de ensinos regrados, “se consideramos que son axudas para o estudo concedidas polo Goberno do Estado, coa finalidade de fortalecerse atraendo talento cara aos seus corpos xurídicos”.

A resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade