Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luz verde definitiva á reforma da dependencia e a discapacidade

Luz verde definitiva á reforma da dependencia e a discapacidade

A lei foi aprobada no Congreso dos Deputados sen as principais emendas incorporadas polo PP no Senado e acordadas con algúns grupos

A reforma amplía os servizos e prestacións dos dependentes e persoas con discapacidade, prioriza a vontade e circunstancias de cada persoa e axiliza os procesos administrativos

Protestas diante do Congreso dos Deputados para visibilizar a realidade das familias CUME (EFE/Rodrigo Jiménez) Protestas diante do Congreso dos Deputados para visibilizar a realidade das familias CUME (EFE/Rodrigo Jiménez)
G24.gal 16/09/2026 20:41

O Congreso dos Deputados aprobou definitivamente a reforma das leis de dependencia e discapacidade sen as principais emendas incorporadas polo PP no Senado e acordadas con algúns grupos.

A reforma amplía os servizos e prestacións dos dependentes e persoas con discapacidade, prioriza a vontade e circunstancias de cada persoa e axiliza os procesos administrativos para o recoñecemento da súa situación.

Durante o debate, os grupos que acordaran emendas no Senado criticaron que o Goberno vetase algunhas delas impedindo a súa votación nesta fase final, como a de ampliar sen límite de idade a prestación CUME que reciben os pais con fillos con cancro ou enfermidade graves que actualmente se estende ata os 26 anos.

No entanto, si se incluíron finalmente algunhas desas emendas do Senado en relación coa prestación CUME, para simplificar e axilizar a súa resolución, a protección de traballadores autónomos para a prórroga do permiso e para que a escolarización non poida ser causa automática de perda de prestacións, entre outras.

O ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, destacou que a reforma supón unha "refundación do modelo de coidados en España" e lembrou que grazas ao real decreto de financiamento validado no Parlamento en xullo as comunidades recibiron máis de 517 millóns de euros adicionais só en dous meses, que serán un total de 6.200 millóns de euros máis entre 2026 e 2027.

"Xa non hai escusas: as listas de espera deben reducirse á metade en 2027 e desaparecer en 2028. O noso compromiso é total e agora toca que todas as comunidades autónomas remen a favor para facelo unha realidade", aseverou.

Na súa intervención, Bustinduy rexeitou entrar "nun choque" co PP que lembrou non quixo negociar a lei durante o trámite parlamentario na Cámara Alta, nin con Vox, ao que lembrou que votou en contra da reforma no Congreso e logo aprobou emendas no Senado.

Apoio á reforma con críticas ao veto

A deputada do PP Violante Tomás destacou que o seu partido aprobou 45 emendas no Senado "para mellorar a vida das persoas, eliminar barreiras e reducir impostos" e cualificou de "inconstitucional" o veto e "a covardía de impedir o debate que puxera de acordo a moitos grupos".

"Queremos que eses dereitos sexan reais e saber quen os vai a financiar" cando o goberno non aprobou nin orzamentos, sinalou a deputada popular.

A deputada socialista Inés Praza reprochou ao PP que se negase a negociar durante a tramitación no Congreso e que cando chegou a lei ao Senado quixese "darlle a volta como un calcetín" á lei: "Utilízao coma se fose o seu casarío".

Lembrou que o Goberno xa está a negociar coas familias a ampliación da CUME e opinou que algunhas emendas do Senado "poñen en perigo a educación inclusiva" e segregan aos nenos e nenas con discapacidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade