Un xulgado da Coruña reclámalle á UE que aclare que equipaxe se pode levar gratis nos avións
O xuíz quere saber se é legal cobrar suplemento polas maletas que se colocan no alto das cabinas
Os avións non teñen espazo para todos os vultos porque máis xente evita ter que pagar por facturar
É un debate que non cabe debaixo do asento. Un tribunal de Instancia da Coruña presentoulle unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para tratar de resolver unha das grandes polémicas do sector do transporte: cando se pode cobrar e cando non por levar equipaxe de man nun avión. Agora mesmo non existe un criterio único, nin entre as administracións nin entre as compañías aéreas.
"En xeral, as compañías de baixo custo cobran pola equipaxe que pode ir na cabina arriba e polo obxecto persoal que poidas levar debaixo do asento non cobran. As compañías regulares permítenche a equipaxe de cabina e a que vai abaixo", describe Yolanda Otero, profesora da academia de auxiliares de voo Air-Hostess en Vigo.
"Cada vez está máis limitado e eu agora vinme obrigada a mercar unha maletiña que entre debaixo do asento", protesta unha viaxeira que vai coller un voo no aeroporto de Vigo.
"Eu creo que a xente abusa. Por iso eu levo o mínimo", valora pola contra outra moza en Peinador.
No seu escrito, de dez páxinas, o xuíz da Coruña expón que a lexislación permite que os viaxeiros leven con eles de xeito gratuito o que se considera necesario para garantir a súa seguridade e certo grao de comodidade. Por iso, reclámalle á UE que aclare que cousas serían realmente indispensables na cabina dun avión. A xurisprudencia non é demasiado concreta: fala de "obxectos relacionados coa dignidade da propia persoa".
"Eu son moi minimalista, eu levo só o necesario", asegura unha pasaxeira.
"Levo o ordenador portátil, unha muda de roupa...", conta outra moza.
"O esencial que se pode levar nunha cabina é polo menos o que che poida cubrir durante quince días", opina unha muller antes de pasar á zona de embarque en Peinador.
De momento, Europa ampara as aeroliñas. Así quedou establecido na revisión do regulamento que se aprobou este mesmo ano. As compañías poden cobrar suplemento pola equipaxe de man que non caiba debaixo do asento porque nos avións, en realidade, non hai sitio para todas as maletas. Cando se deseñaron as cabinas a maioría da xente non levaba equipaxe de man. Pero iso cambiou dende que hai que pagar por facturar maletas.
"Ata hai poucos anos un sesenta por cento da xente levaba equipaxe arriba e o resto unha mochila e punto. Agora todo o mundo quere levar equipaxe de cabina porque non todos os billetes teñen incluída equipaxe para facturar", explica Yolanda Otero, a profesora de Air-Hostess.
E tampouco existe unha medida exacta para a equipaxe gratuita. Cada compañía marca o peso e as dimensións dos vultos que admite nas cabinas.