Dous exaxentes de seguros aceptan penas de cadea por simular sinistros para cobrar indemnizacións
A Fiscalía enumera unha decena de accidentes, que nunca houbo, entre o 2010 e o 2014
No banco sentaban outros dous acusados que foron absoltos
Dous exaxentes de seguros acusados de estafar compañías aceptaron os feitos na Audiencia Provincial da Coruña. Simulaban accidentes para cobrar indemnizacións por danos nos coches e, nalgúns casos, polas feridas dos ocupantes dos vehículos tras dar conta de sinistros inexistentes.
A Fiscalía enumera unha decena de accidentes, que nunca houbo, entre o 2010 e o 2014.
Pedía para el unha pena de tres anos e tres meses de cadea e, para ela, dous anos e oito meses de prisión, así como o pagamento de varias indemnizacións. Porén, o xuízo non chegou a celebrarse porque as partes chegaron a un acordo e houbo sentenza de conformidade. Foron condenados por un delito continuado de estafa.
"Concorrendo en ambos os dous acusados a atenuante de dilacións indebidas, debemos condenar e condenamos ao acusado a dous anos de cadea e á procesada a seis meses de prisión", concluiu o maxistrado Alejandro Morán Llorén.
Amais, no caso da xa condenada tamén se lle aplicou a atenuante de reparación do dano tras aboar a cantidade de 40.000 euros.
Os seus avogados solicitaron a suspensión da execución da pena, que foi aceptada, malia que está condicionada a que non poden cometer máis delitos nun prazo de dous anos. E no caso do home, a aboar os arredor de 28.000 euros pendentes de pagamento a dúas compañías.
No banco sentaban outros dous acusados que foron absoltos ao considerar o Miniserio Público que non resultou debidamente acreditado que coñecesen o estado dos vehículos ao tempo da contratación e que actuasen de xeito intencionado cooperando cos xa condenados. A sentenza foi declarada firme.