Os peóns, entre os máis vulnerables na estrada Arzúa-Melide
Despide un verán con atropelos e accidentes en varios treitos
Concello e empresarios esixen a posta en marcha do treito da autovía que aínda está en obras
Entramos en Arzúa e comeza o calvario. Atascos, ruído e freadas. É o perigoso menú de cada día. O verán despídese cun goteo continuo de accidentes na estrada. Un perigo real que levou os veciños a dicir "basta".
O descontento pola seguridade viaria no centro urbano de Arzúa escalou notablemente a finais de agosto. Por mor dun atropelo ocorrido no casco urbano, unha veciña impulsou unha campaña que recolleu máis de 700 firmas.
O Concello de Arzúa tramitou estas rúbricas ante o Ministerio de Transportes para esixir de xeito urxente medidas de acougado do tráfico e melloras na seguridade da estrada nacional que cruza a localidade. O rexedor non sabe aínda cando se porá en marcha o treito da autovía que falta pero esixe compromisos inmediatos.
Ás protestas súmanse os empresarios. Advirten do grave impacto económico que supón este embotellamento permanente.
E mentres, as máquinas traballan sobre a futura calzada, pero de momento sen data para que circulen coches.