Operativo aéreo nas Cíes para instalar o novo foco do faro
Un helicóptero elevou un a un os compoñentes, entre os que destaca o corpo acristalado de 1.000 quilos, ou a gran cúpula metálica superior de 1.500 quilos
O novo foco funcionará con enerxía fotovoltaica. Europa Press
A Autoridade Portuaria de Vigo levou a cabo este mércores o operativo para instalar o novo foco do faro das Illas Cíes, para o que se empregou un helicóptero que transportou as pezas ata o alto da infraestrutura.
Así, tras viaxar en barco desde Bouzas ata o peirao de Carracido este martes, as dúas pezas principais que forman a lanterna do faro emprenderon o seu último tramo polo aire. Nun despregamento de gran precisión, un helicóptero especializado elevou un a un os compoñentes ata a parte superior do faro, entre os que destaca o corpo acristalado de 1.000 quilos, ou a gran cúpula metálica superior de 1.500 quilos.
Con esta intervención, á que a Autoridade Portuaria de Vigo destinou máis de 300.000 euros, o histórico faro quitarase de enriba anos de desgaste provocados pola dureza do clima mariño.
Aproveitando esta posta a punto. instalouse unha nova planta de enerxía fotovoltaica. Así, e grazas ás melloras na cuberta e aos novos paneis e baterías, o faro gañará en autonomía e reducirá as súas emisións, utilizando a enerxía do sol para manter acesa a súa luz cada noite co máximo respecto por este enclave natural.
Ademais, a Autoridade Portuaria prevé rehabilitar o edificio anexo ao faro para darlle unha segunda vida e convertelo nun pequeno museo onde os visitantes poidan descubrir as historias dos antigos fareiros, os barcos afundidos que permanecen no fondo na ría e a gran riqueza natural do arquipélago.