Novo ataque do lobo en Mondoñedo
Matou unha ovella preñada e un cordeiro a un cento de metros das casas
A ovella morta, co correspondente crotal
O lobo matou en Mondoñedo unha ovella preñada e un cordeiro, segundo certificou un técnico de Medio Ambiente. Sucedeu nun prado pechado cun muro, situado na propia vila a escasos metros das vivendas.
"Aquí había trece ovellas. Non aparecía, mirei e topeime cunha ovella e cun año mortos. As outras non as vía, mais unha cadela que tiña, e atopeinas, en principio ben, aquí ao lado. O que máis me sorprende é o sitio onde estamos, a cen metros do centro de saúde, do xeriátrico ou da igrexa de Santiago ou a 120 do consistorio. É dicir, no centro da vila", sinala Luciano López Fraga, dono das ovellas.
Este novo ataque vén sumarse a todos os anteriores que lle afectaron á mesma explotación. O último rexistrárase hai tan só un mes, cando o lobo matara ata dezaseis ovellas do mesmo rabaño.
"O segundo nun mes. E o ano pasado, tres. En sitios diversos, polo que é difícil de solucionar. A xente fala o que fala, porque o falar non ten cancelas. Eu teño agora 50 animais, e comprométome a cederllos a quen se queira facer cargo deles, e se nun ano non teñen ataques do lobo, os animais son seus", asegura o propietario do gando.
O último ataque chega no peor momento, xa ás portas do Nadal, coas conseguintes perdas económicas, que se suman a todas as anteriores.
"As perdas nesta ocasión son duns 200 euros. Se ma paga, a Xunta vaime dar menos de 50 euros, porque pasa dos seis anos. Para min valía máis. De feito, aí están os fetos, que estaba preñada. E o cordeiro ten 15 días e agora vale pouco, pero dentro de dous meses valería 120 euros, que é o Nadal", lamenta López Fraga.
A estas perdas engádese ademais o lucro cesante da actividade principal do propietario do gando, que é taxista.