Novo ataque do lobo ao gando ovino en Mondoñedo
Apareceron mortas nove ovellas, ademais dun cordeiro, valoradas en máis de mil euros
Nove ovellas e un cordeiro mortos, ademais doutros dous animais desaparecidos. É o balance do ataque que sufriu unha explotación ovina de Mondoñedo. O seu dono sinala que tivo que tratarse dunha manda.
"Chamou o dono do prado, que non é meu, e avisoume de que había ovellas mortas. Ao chegar, víanse claramente cinco mortas, e despois habíaas malferidas. Entre unhas e outras e mais as desaparecidas, unha ducia de animais, de 34 que había. Eu creo que tiveron que ser varios lobos, porque comeron moito. Un lobo só, por moito que coma, non vai comer 40 quilos de carne", afirma Luciano López, dono das ovellas.
Non é o primeiro ataque que sofren as ovellas de Luciano, pero si o máis grave ata o momento. Nos últimos anos, en total perdeu uns 21 animais, valorados en milleiros de euros.
"Tiven xa polo nadal tres ataques distintos, con oito animais mortos e dúas cordeiras desaparecidas. Tamén tiven, hai dous anos, unha poni, e hai máis anos un poldro, pero fora no monte. Isto, ao lado das casas, asúmelo menos. Sobre a valoración, cada unha das ovellas máis de cen euros, posto que eran de raza galega. E se queremos recuperar esta raza, algún apoio teriamos que ter para evitar estes ataques, polo menos na zona máis ou menos urbana" , engade o propietario dos animais.
As ovellas encontrábanse no lugar da Fabega, a medio quilómetro da vila mindoniense. Acudiron tanto unha perito da aseguradora como un técnico de Medio Ambiente, que certificou que se trataba dun ataque do lobo.