A Bruxelas "non lle sorprende" que drons rusos puidesen atacar España, Francia ou Italia
O portavoz da Comisión Europea asegurou que non teñen ningunha alerta concreta, pero recordou que o espazo aéreo comunitario xa foi violado en varias ocasións
Bandeiras no exterior da Comisión Europea. Reuters.
A Comisión Europea afirmou este xoves non estar "sorprendida" por informacións sobre que drons rusos puidesen atacar o territorio de España, Francia ou Italia, xa que o espazo aéreo comunitario xa foi violado en varias ocasións.
"Vimos as informacións e non nos sorprende en absoluto", indicou na conferencia de prensa diaria da CE o portavoz comunitario Thomas Regnier.
Regnier foi preguntado por unha información que publica hoxe o diario El Mundo sobre unha alerta da CIA aos Gobernos da UE sobre a posibilidade de que Rusia lanzase desde barcos drons con 600 quilómetros de autonomía.
O portavoz precisou que a Comisión non está ao corrente dunha alerta concreta sobre eses posibles ataques, senón sobre as informacións como tal.
"Sabemos que o noso espazo aéreo está a ser posto a proba e que foi violado en varias ocasións. Sabemos que se están producindo varios ataques híbridos dirixidos contra moitos dos nosos Estados membro", argumentou.
Regnier indicou que para afrontar esas ameazas o Executivo comunitario propuxo iniciativas emblemáticas como a defensa contra drons, o escudo aéreo e o escudo espacial.