Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian varios ataques de lobos en Verín e Oímbra

Denuncian varios ataques de lobos en Verín e Oímbra

Sospeitan que se trata dos mesmos lobos porque son localidades próximas

G24.gal 28/10/2026 13:00

Coma cada mañá, Estrella e o seu home chegaron á parcela onde teñen as ovellas, en Cabreiroá, e o que atoparon deixounos conmovidos. Das sete que tiñan, para manter limpo o terreo, dúas estaban mortas, unha ovella e o carneiro.

"Xusto unha que criara eu por biberón porque a nai tiña tres e non as daba sacado adiante. Teño pena dela. E estaba preñada. E o carneiro era bárbaro, un semental estupendo", explica Estrella Silva, a dona das ovellas.

O axente que se desprazou ata alí para retirar os cadáveres confirmoulles que se trata do ataque dun lobo.

"Fíxolle unha analítica ou algo e confirmounos que fora do lobo. E vímolo nós, tanto o carneiro como a ovella tiñan a marca dos dentes no pescozo", asegura Estrella.

Nos mesmos días houbo na zona constancia doutros ataques. Dúas ovellas mortas e unha ferida en Pazos, outras dúas en Queirugás e mais en San Cibrao, Oímbra, e en Tamagos, tamén en Verín, onde ao parecer incluso atacaron gando vacún.

"A min deume un infarto hai uns anos e as ovellas axudáronme moito a recuperarme. Distraíame con elas. Por iso me gusta telas. Agora xa lle dixen a ela, ímonos desfacer delas, porque velas así como estaban non é agradable", comenta, visiblemente afectado, o home de Estrella.

O que non se explican é como entrou o lobo na parcela, valada en todo o perímetro por un arame de metro e medio. Unha circunstancia que se repite noutros casos.

"Por calquera sitio que veña, ten que baixar pola aldea e non creo que se meta por alí". "Miramos todo e non vemos pelos". "Era mellor que lles puxeran un comedeiro no monte, para que se fartaran, porque os animais non teñen que comer e por iso se meten nas aldeas", conclúen ambos os dous.

Ante o medo de que volva pasar, están pensando en deixar o rabaño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade