Un ataque no aeoporto saudita de Riad deixa 12 mortos e máis de 300 feridos
Foi atribuído aos insurxentes hutís do Iemen que na última semana xa lanzaron outros mísiles contra o aeródromo
As operacións están suspendidas temporalmente e as embaixadas pedíronlles aos cidadáns que non se aproximen ás instalacións
O ataque con mísiles produciuse este sábado sen que se emitise alerta previa no sistema de advertencia de ameazas de Arabia Saudita. As autoridades anunciaron que 12 persoas morreron, entre elas catro sauditas e un estadounidense, e outras 309 quedaron feridas, algunhas delas en estado crítico.
O venres outro ataque ao aeroporto xa deixara tres vítimas mortais e danos nun avión da aeroliña saudita, e o mércores tamén se rexistraron outros dous nas mesmas instalacións de Riad e en Abha con tres mortos e 30 feridos.
Os hutís, respaldados por Irán, reivindicaron nas últimas semanas ataques con drons e mísiles balísticos contra instalacións civís e militares incluídos os aeroportos e instalacións enerxéticas. Afirman que as súas agresións son unha resposta aos bombardeos aéreos de Arabia Saudita contra as súas posicións no Iemen.
Despois do ataque as operacións quedaron suspendidas ata que conclúa a avaliación dos danos e se verifique a seguridade das instalacións, en coordinación coas autoridades competentes. En resposta, a coalición liderada por Arabia Saudita intensificou os seus bombardeos aéreos contra posicións dos hutís en Saná e o suroeste do Iemen.
Reaccións dos Estados Unidos e das Nacións Unidas
O ataque aumenta a presión saudita sobre os seus aliados para que lles proporcionen apoio militar. Despois dos feitos o presidente dos EUA, Donald Trump, afirmou que estaba avaliando se os Estados Unidos deberían sumarse aos ataques: “Quizais o fagamos. Imos estudalo”, afirmou Trump.
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, condenou os feitos e recordou que "os ataques contra civís e infraestrutura civil son unha violación do Dereito Internacional" polo que esixiu que as agresións "cesen de inmediato".
É o ataque máis mortífero contra un país árabe do Golfo desde que comezou a guerra dos Estados Unidos e Israel contra Irán.