Brutal ataque a un mastín en Pontevedra: "Tiña o corpo cheo de perdigóns"
Vagaba por Marcón cando foi rescatado pola Asociación Os Palleiros
A Garda Civil investiga os feitos; o can recupérase na protectora
Horrorizados e indignados. Así é como quedaron nesta protectora de Pontevedra ao descubrir que alguén usou este vello mastín como diana de tiro.
"Renxíalle a cadeira ao movela e nas placas descubrimos que estaba cheo de balotes por dentro e fóra, na pata, pensaron que tiña un tumor e era outro perdigón incrustado", explica Gloria Cubas, presidenta da asociación Os Palleiros de Pontevedra.
Goliat vagaba polo lugar de Pintos, na parroquia de Marcón, ata que alguén chamou para dar aviso. Desde un principio detectaron que algo fallaba na súa cadeira. Pero non imaxinaban o panorama que revelaron as radiografías.
"Quen o fixo foi unha persoa sádica, hai que ser mala xente para disparar este animal. Imos denunciar ata as últimas consecuencias".
Na protectora non dubidaron en denunciar feitos ante a Garda Civil. Non queren que esta atrocidade quede impune e piden a colaboración veciñal para dar co agresor.
"É importante que a xente vexa que non pode facer dano de xeito gratuíto a este nin a ningún outro animal. Ao día seguinte houbo que eutanasiar un gato coa columna partida por un balote, nin que fose un deporte olímpico".
Mentres buscan o culpable, o vello Goliat recupérase na canceira á espera dunha nova vida.
"Poden adoptalo directamente, pero teñen que saber que ten dez anos, ou darlle unha acollida indefinida para que se recupere nunha casa".
Aquí o deixamos, agardando por unha familia que lle dea todo o cariño que precisa para recuperarse de tan traumática experiencia.