Trump: "Chegou o momento de que Ucraína teña un novo presidente"
O presidente dos EUA censura os ataques de Kíiv contra refinerías de gasóleo rusas
Acusa a Zelenski de non querer chegar a acordos e ao seu Goberno de "incompetente"
Trump fai declaracións á prensa na Casa Branca. REUTERS/Elizabeth Frantz
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cargou este sábado contra o seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, a conta dos bombardeos de Kíiv contra refinerías gasóleo rusas e dixo que "chegou o momento de que Ucraína teña un novo presidente".
As declaracións do magnate aos medios no exterior da Casa Branca chegan despois de que a delegación enviada por Kíiv á Florida para manter conversas cos enviados especiais estadounidenses para o país europeo adiantara o seu regreso.
Tamén se producen horas despois de que o propio Trump anunciara a autorización das operacións rusas con gasóleo ata abril para controlar a suba global de prezos.
"Dixémoslle: 'podes facer o que queiras con Rusia, pero non ataques as refinerías', porque ese é un problema mundial que el está a causar. E quere crear problemas para o mundo, problemas para os nosos agricultores, os nosos gandeiros, co combustible diésel, porque Rusia fornece unha gran parte deste combustible en todo o mundo", argumentou antes de partir a Tennessee, onde ofrecerá un mitin para as lexislativas.
Segundo afirmou, Zelenski non quixo chegar a acordos para pechar a guerra de Ucraína que, ao seu parecer, "comezou por mor da incompetencia". "Nunca debeu empezar. Non perderían xa o 30% do seu país", dixo do Goberno de Kíiv.
"Suxiro que busquen un novo líder capaz de chegar a un acordo, porque el podería pechar moitos acordos e, por algunha razón, nunca o fai (...). Chegou o momento de que Ucraína teña un novo presidente", sinalou.
Zelenski criticou o venres o acordo entre Trump e o seu homólogo ruso, Vladímir Putin, e cualificou o pacto de "inxusto" e "impropio dun aliado".
O acordo permitirá a Rusia exportar millóns de toneladas de diésel aos mercados estadounidense e internacionais malia as sancións en vigor de Washington sobre o sector enerxético ruso que pesan sobre Moscova desde o arranque da guerra no 2022.