Galicia é a comunidade con máis faros de España: 44 lanternas
Todos os faros galegos están mecanizados e en funcionamento
O 7 de agosto é o Día Internacional do Faro
Hai corenta e catro faros en Galicia. Todos eles manteñen a lanterna acesa, aínda quemoitos faros como tal se viran convertidos en hoteis ou espazos de restauración. Seguen sendo guía para os mariños.
En todo o mundo hai catalogados máis de dezaoito mil faros que este venres celebran o seu día.
Galicia é a comunidade de España onde hai máis faros, corenta e catro. En total, na península hai case duascentas lanternas. Todos os faros están xa mecanizados, non hai fareiros vivindo neles como en tempos, pero a luz dos faros segue alumeando.
O que leva máis tempo facéndoo, o máis antigo do mundo, é a Torre de Hércules. O de Camariñas, o Faro do Cabo Vilán, foi o primeiro faro eléctrico de España. Os barcos podían ver a súa luz a máis de 55 quilómetros de distancia. O Faro de Fisterra, ademais dunha vaca que alertaba das néboas é punto de peregrinación capital no Camiño de Santiago.
Hai faros en illas como o de Ribadeo, na illa Pancha. O máis moderno de Galicia está en Malpica, é o Faro de Punta Nariga. Ten a forma da proa dun barco de pedra entrando no mar. En Muxía, un naufraxio acelerou a construción do Faro de Cabo Touriñán, o lugar onde máis tarde cae o sol de toda España. As lanternas guían os que van polo mar pero, moitos, convertidos en espazos divulgativos ou en hoteis e restaurantes, son tamén luz para moitos turistas e curiosos.
En todo o mundo hai máis de dezaoito mil faros, cada un, cun ritmo e cadencia de luz únicos. O país con máis lanternas son os Estados Unidos. O 7 de agosto é o seu día, o mesmo en que, hai agora máis de douscentos anos, nos Estados Unidos asinaron unha lei onde se agrupaban os faros e se garantía a súa conservación e construción con fondos públicos.