Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os faros galegos reinventanse como hoteis e espazos culturais

Os faros galegos reinventanse como hoteis e espazos culturais

O faro de cabo Silleiro transformouse nun hotel boutique

Faros convertidos en hoteis
G24.gal 13/09/2025 15:30 Última actualización 12/09/2025 22:52

O faro da Illa Pancha, en Ribadeo, foi o primeiro reconvertido en aloxamento turístico de España. Os promotores soñárono á volta de Europa do Norte, onde son comúns este tipo de hospedaxes en edificacións singulares. Inaugurou os seus dous apartamentos e unha taberna vai para 8 anos na antiga vivenda do fareiro e nun almacén que quedaron baleiros tras a construción do faro novo ao seu carón.

A lanterna que alumeaba desde 1857 perdeu a súa razón de ser, pero a situación segue sendo excepcional, como testemuña o inxente ir e vir de paseantes, locais e turistas. O sempiterno vento, o grallar das gaivotas e o bruar das ondas enseñóranse do ar dos cantís.

"Estaba en estado lamentable, ruinoso. Tratamos de manter todo o que é a tipoloxía construtiva, manter o exterior, as ventás, todo agás a rehabilitación para facer o aloxamento. Sacámolo adiante, un patrimonio de todos, reconvertido, marabilloso", di José Luis López Braña, xerente do Aloxamento Turístico do Faro da Illa Pancha.

De quitado o verán, as fins de semana de todo o ano están ao completo. O privilexio da hospedaxe inclúe o desfrute da xoia da antiga construción.

"A escaleira do século XIX de 1857 cando se construíu o faro, de forxa da Sargadelos, son 13 metros de escaleira, unha autentica delicia poder subir e ter unha vista de 360 graos do mar Cantábrico que é un deleite poder ver a ría de Ribadeo. O cliente con capacidade adquisitiva alta que inflúe na zona de Ribadeo", explica José Luís López.

A progresiva xubilación dos fareiros pola automatización dos faros deixa en desuso vivendas e espazos anexos coma estes. Construcións históricas para as que as autoridades portuarias buscan novos usos públicos. Nalgúns dos arredor de 50 faros que hai no litoral galego, o tamaño frea, depende que usos, para un investidor privado.

A lei de Portos e Mariña Mercante autoriza calquera que non prexudique a sinalización e balizamento. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, da que depende o de Illa Pancha, ten oito faros máis e 20 balizas, un patrimonio que quere dotar dunha segunda vida como a do faro de Ribadeo.

"Temos un estudo feito de que facer con cada un porque cada un é distinto, hainos con edificación anexa grande que daría para hotel, logo máis pequenos que poderían ser centros de orixe de rutas de sendeirismo, puntos de observación da natureza. Prior funciona xa como aula de formación e de exposicións.  A idea da Autoridade Portuaria é chegar a ter todos restaurados e utilizados publicamente. Bares é moi grande. Ten moitas posibilidades de ser un centro hostaleiro nalgún momento. Hai quen pregunta por Punta Candieira", expón Francisco Barea, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao.

O faro de cabo Silleiro, en Baiona, dependente da Autoridade Portuaria de Vigo, foi o último en reformarse e converteuse nun hotel boutique, propiciado neste caso polo seu tamaño. Operativo desde 1924, compartíano 4 fareiros coas súas familias.

A reforma das catro vivendas xerou 17 cuartos con todas as comodidades dun hotel moderno fronte ao embravecido Atlántico, desatado nos farallóns.

A segunda vida dos faros

O traballo de conservación foi tamén aquí prolixo con especial atención e agarimo á escaleira de caracol de acceso á lanterna e á reconstrución do faro antigo, de 1866, reconvertido en restaurante.

"É maxestuosa esta torre coas escaleiras interiores. Preservamos non só por abriga senón tamén pola nosa aposta de manter o que xa está moi ben feito. Aquí hai uns muros que é moi difícil encontrar en calquera construción hoxe en día, cuns azulexos hidráulicos espectaculares, cunhas escaleiras fóra do normal. O Faro Pequeno de abaixo que nós denominamos Taberna Atlántica levaba cen anos abandonado. Aquí temos preservado máis a identidade pero si que estamos moi fachendosos de ter restaurado parte do patrimonio que é de todos", di Miguel Fernández copropietario do Hotel Boutique Faro Silleiro e da Taberna Atlántica.

"Nós vendemos esto como unha experiencia, non é normal estar aloxado nun edificios como este, coa súa historia, e o privilexio de estar aquí, e o cliente tipo é de media idade, culto, tranquilo, que busca paz, ler, tranquilidade, sentir o mar e desfrutar", explica Miguel Fernández.

Sitios en paisaxes afastadas, de difícil acceso, os faros foron orixe de lendas e supersticións e atesouran unha aura poética tan grande como lonxe chega a súa luminaria. Iniciativas como estas están a achegalos aos que na infancia quixeron, algunha vez, ser fareiros e habitar o faro dos seus soños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade