Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixa o número de peregrinos na Semana Santa e sobe o dos meses de inverno

Baixa o número de peregrinos na Semana Santa e sobe o dos meses de inverno

Chegaron 17.000 camiñantes, un 8 % menos ca en 2025 

Nos albergues pensan que o motivo son as datas: "Coincidiu moi cedo este ano"

 

G24.gal 08/04/2026 14:38

Os peregrinos chegaron por milleiros a Santiago esta Semana Santa. Así e todo, foron un 8 % menos ca o ano pasado. 

"Penso que é lóxico, coincidiu moi cedo este ano e os peregrinos que veñen de lonxe, os que saen de Roncesvalles aínda están por Burgos, non chegan ata mediados de mes", explica José Ramón Blanco Santos, do Albergue Porta de Santiago.

"Eu non sei se foron as datas, tan a principio de abril, ou que subiron moito os prezos e a xente non se anima", engade Alejandra Cereijo, do Albergue REM.

O que non cambiou foi o perfil de camiñante de Semana Santa, familias españolas que fan un Camiño curto, desde Sarria ou Tui. Peregrinos aos que, este ano si, acompañou o bo tempo.

"Eu desde que abrin o meu comercio sempre choveu en Semana Santa, e este ano fixo bo, así que na miña experiencia si houbo máis peregrinos. Pero na rúa si que había menos movemento", di Xulián Pintos, iIustrador de Polo Camiño, desde o seu comercio de Arca.

O que si medrou foi a cifra de peregrinos de inverno. No primeiro trimestre do ano chegaron a Compostela 24.000 peregrinos, 3.000 máis ca en 2025. A maioría son estranxeiros que buscan tranquilidade.

"Buscan fuxir das masas do verán e camiñar con menos xente, hai moitos americanos e coreanos no inverno".

Unha ruta que se desestacionaliza e se diversifica. O Camiño que máis medra ultimamente é o portugués.

"Eu teño coñecidos con tendas en Padrón que me din que cada vez hai máis albergues e máis peregrinos pola ruta portuguesa".

Malia que a Semana Santa non seguiu o patrón, as cifras do Camiño non pararon de medrar nos últimos anos, cun récord histórico o pasado ano de máis de medio millón de peregrinos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade