O labirinto de Breogán atrae a Vilarmaior visitantes de todas as idades
Os creadores do labirinto decidiron xuntar a tradición patrimonial dos petróglifos cunha aventura na natureza
Son máis de 6.000 metros cadrados de camiños e reviravoltas que se tardan uns corenta minutos en completar
Dende arriba, dende abaixo, en todas as direccións.Se o plan vacacional pasa por deixar atrás a rutina e perderse, en Vilarmaior, en terras de Betanzos, está a solución: o labirinto de Breogán.
"Enorme, é enorme. Perdinme non sei cantas veces", comenta unha visitante.
Os creadores do labirinto decidiron xuntar a tradición celta de petróglifos da zona coa riqueza natural en forma de enrevesada e grande atracción.
"Segue sendo o máis grande de España. Son 6.120 metros cadrados e está deseñado por unha persoa que se dedicaba precisamente a isto", confesa José Luís Meitín, artífice do Labirinto de Breogán.
Son corenta minutos de reviravoltas e camiños sinuosos onde non fallan as adiviñas, os xogos e moitas pistas ocultas para completar o reto.
"Percurei un sitio onde el puidese saír dos videoxogos. Aquí é como un ambiente natural, e é a ilusión de buscar as preguntas, atopar os números e as saídas, e iso motívaos un montón", conta unha nai.
Con entrada gratuíta para os menores de seis anos e a súa quinta tempada de apertura, o labirinto preséntase como unha oferta lúdica diferente.
"Vés ao rural, a desconectar. A xente non se pon co móbil, esquecen as pantallas. Xogan os adultos cos rapaces, cos avós. É unha volta ás orixes", comenta José Luís Meitín, o artífice do Labirinto de Breogán".
Un lugar de lecer verde onde non se pode perder, perderse.