Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vandalizan o petróglifo da Foxa Vella, en Rianxo

Vandalizan o petróglifo da Foxa Vella, en Rianxo

Patrimonio xa ten aberto expediente sobre os feitos, que denunciou á Policía

Danos nos gravados rupestres, que alguén raspou cunha pedra
G24.gal 08/04/2026 14:14

Pode haber 4.000 anos que alguén gravou motivos xeométricos, cruces ou puñais nunha laxe no monte de Leiro, en Rianxo. E hai uns días que outro decidiu profanar este legado, e rascou cunha pedra o petróglifo da Foxa Vella. Un veciño da zona descubriu os danos, e alertou a comunidade de montes. 

"Atopouse co dano que había aquí, unhas inscricións rascadas cunha pedra" explica un comuneiro, Héctor Vicente. Di que, por superficiais que parezan, son danos graves. "Xa a simple erosión dana o petróglifo -di- e se ti o axudas raspando cunha pedra fas un dano irreparable, ese dano queda feito".

De momento non teñen pistas que conduzan aos responsables, o que si intúen é que non eran da contorna. "Na parroquia, no concello, hai un compromiso e unha posta en valor dos elementos arqueolóxicos, e os comuneiros e as familias son moi conscientes do valor disto", afirma Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte. "Por tanto -conclúe- entendemos que este foi un feito illado, procedente dalgunha forma de ignorancia".

Porque a comunidade de montes traballa en protexer e poñer en valor este patrimonio. Hai menos dun mes xuntaron 25 voluntarios para substituír os eucaliptos por frondosas na contorna do petróglifo.

 "Plantáronse frondosas, puxéronse carballos, e procúrase manter limpo de mato o sitio para protexelo dos incendios, que afectan bastante a este patrimonio, á pedra", explica Vicente. "O que pasa é que despois pasan estas cousas que, despois de todo o traballo, sácanche un pouco a moral", lamenta.

"As ameazas do lume, dos eucaliptos, foron constantes durante todo o tempo -di Saco-. É incrible que agora que por fin se prepara e se inicia unha transformación disto, teña o efecto contrario o que buscabamos". Así que pide axuda para protexer este patrimonio, "fará falta -di- que a Administración poida poñer letreiros, advertencias e medidas de seguridade".

O Concello de Rianxo notificou os danos á Dirección xeral de Patrimonio, que vai presentar denuncia na policía e abrir investigación sobre o caso. Danar o patrimonio histórico é un delito que pode chegar a castigarse con multas de case 300.000 euros, e mesmo con meses de prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar