Medio Ambiente di que “non hai consecuencias” da vertedura de Tordoia na auga potable, tampouco para Santiago
Medio Ambiente di que “non hai consecuencias” da vertedura de Tordoia na auga potable, tampouco para Santiago
A conselleira de Medio Ambiente lanza "unha mensaxe de total tranquilidade" e asegura que non hai problema nin en Tordoia nin en Santiago de Compostela
"Estamos aínda a uns 20 quilómetros (de Santiago) e o percorrido que leva desde a noite do luns é de 3 quilómetros aproximadamente". subliña
Avanzan os traballos para evitar que a vertedura de Tordoia afecte a captación do Tambre
Técnicos de Augas de Galicia, este mércores na zona afectada (https://x.com/incendios085/status/2100243439174435246)
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, enviou este mércores unha “mensaxe de total tranquilidade” respecto á vertedura de xurro que se produciu por mor da rotura dunha balsa nunha explotación gandeira no concello de Tordoia (A Coruña) xa que, polo momento, “non hai consecuencias” na auga potable nesa localidade nin tampouco en Santiago de Compostela.
Así o confirmou a responsable de Medio Ambiente que esta tarde se desprazou a Tordoia para supervisar os labores de vixilancia, contención e limpeza da contorna fluvial afectada pola vertedura de lodos na localidade.
Nos traballos participan unha vintena de persoas e tamén se está facendo uso de tres cisternas e tractores.
A conselleira puxo en valor a colaboración e coordinación coa que se traballou desde o primeiro momento en que os donos da explotación informaron o 112 desta rotura da balsa.
Desde ese momento, explicou, están a realizarse “analíticas de xeito continuado” e colocáronse “diques de contención” con “palla e terra” para que a contaminación chegue da menor forma posible aos ríos posto que existe unha incidencia constatada nos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle.
A 20 quilómetros para afectar a Santiago
Así as cousas, a conselleira subliñou que a afección detectada limítase a un tramo duns 3 quilómetros augas abaixo do punto de vertedura mentres aínda se distancia 20 quilómetros do punto ao que tería que chegar para afectar á capital galega.
"Estamos aínda a uns 20 quilómetros (de Santiago) e o percorrido que leva desde a noite do luns é de 3 quilómetros aproximadamente". subliña
Ademais, o caudal dos ríos é baixo, polo que a progresión é pequena e estase contendo o traspaso dos lodos.
En todo caso, chamou á colaboración para “traballar todos xuntos” para poñer fin ao risco de contaminación e destacou o traballo do Concello de Tordoia e dos seus veciños que “se involucraron” desde o primeiro momento.
A titular de Medio Ambiente confirmou que aínda non se coñece a causa da rotura da balsa e da vertedura aínda que haberá unha investigación para dar resposta a esta cuestión.
“Estas cousas ocorren, oxalá non ocorresen nunca”, sinalou a conselleira que, en todo caso, puxo en valor a rapidez coa que os donos da explotación se puxeron en contacto co 112 xa que de non existir esta premisa “a problemática podería ser moito maior”.