Galicia-Costa impulsa unha ducia de actuacións para reducir o risco de anegamentos
Os traballos previstos en 43 quilómetros de ríos beneficiarán unhas 9.000 persoas
O Consello da Xunta aprobou este luns impulsar unha ducia de actuacións para reducir o risco de inundacións en zonas de especial perigo na área de competencia da Administración galega, a conca hidrográfica Galicia-Costa.
As actuacións previstas teñen un orzamento de 34 millóns de euros. Realizaranse obras en 43 quilómetros de ríos, que se prevé beneficien a 9.000 veciños, reducindo os riscos tanto para as persoas como para os bens e os equipamentos.
As obras que se fixeron en Carballo, onde se derrubaron edificios e pontes que evitaron o inverno pasado as habituais inundacións, serán o modelo que se seguirá noutra ducia de obras.
As actuacións son de todo tipo, desde modificar os cauces ata modificar estradas ou vías do tren co obxectivo de protexer persoas e os eus bens.
Dentro desas accións o Consello da Xunta autorizou un convenio co Concello de Sada para realizar melloras na contorna do rego Maior ao seu paso polo centro urbano, por un total de 7 millóns de euros, dos que a Xunta achegará a metade.