O cruceiro de Castrelo, en Cambados, no chan despois dun novo accidente
Un vehículo levouno por diante durante a celebración das festas
Xa padeceu varios accidentes, polo que o Concello valora cambialo de sitio
O cruceiro xa estaba malferido e cunha prótese de madeira de anteriores accidentes. Pero o golpe deste sábado mandouno á UCI.
"Xa ben no estaba. Levou varios golpes e non quedou ben reparado. E agora un camión que pasou, ou un tractor grande volveuno derrubar".
No chan e nos contedores aínda se poden ver restos do vehículo accidentado. Do que non hai rastro é do condutor. Fuxiu despois do impacto sen que ninguén vira ou oíra nada. E iso que estaban de festa a moi poucos metros.
"A xente non quere problemas. Claro que había xente na festa, tiveron que velo, pero..."
"É un misterio, ninguen viu nada, non sei. Igual pasou e non se deu conta ata mirar atrás".
Mentres a Policía e Tráfico investigan o caso, Patrimonio avalía os danos. A reparación será custosa e o máis probable é que a teña que asumir o Concello.
"A non ser que apareza o conductor. Se ten seguro sería bo que dera o parte. Todos cometemos erros e así sería moito máis sinxelo e rápido reparalo", explica Liso González, concelleiro de Cultura e Patrimonio de Cambados.
Tamén están valorando cambialo de lugar, por se fose esa a explicación de tantos croques.
"É unha posibilidade que se pode abrir, dentro de que, baixo o meu punto de vista, o cruceiro non está tan mal situado. É un cruzamento cun bó ancho tanto para entrar como para saír cos coches", comenta o Concelleiro.
"Antes aquí so pasaban os carros, despois puxeron a estrada e quedou aí no medio do cruzamento. Tiñan que poñelo na esquina e quitalo da estrada. Ahí vai seguir levando golpes"
"Mal non estaría que o moveran. Xa levou uns cantos golpes e está exposto a máis"
Propoñen movelo de sitio ou poñerlle algún tipo de protección. A ver se así logran quitarlle o meigallo a esta valiosa peza do século XVIII.