O sector turístico galego representa o 14 % do PIB e xera 150.000 postos de traballo
A afluencia de turistas deixouse sentir en boa parte de Galicia durante toda a Semana Santa
As Rías Baixas, as Cíes, a Ribeira Sacra, Viveiro ou Ferrolterra son algúns dos destinos máis concorridos
Segundo os datos do Clúster de Turismo, a ocupación media estivo entre o 65 e o 75 % dependendo das zonas
Afrontamos as últimas horas da Semana Santa e toca facer balance. A afluencia de turistas nestes días deixouse sentir en boa parte de Galicia. Destacaron as zonas de costa. Os turistas buscan tranquilidade, bo tempo, gastronomía, patrimonio ou paisaxe.
"Gústame a praia, o clima, a xente, a comida. Gústame todo", di unha turista.
"Marabilloso, levamos 22 anos vindo e non nos cansaremos disto nunca", comenta outro visistante.
As Illas Cíes son sen dúbida unha das xoias turísticas das Rías Baixas. No último día da Semana Santa, máis de 6.000 persoas reservaron para poder visitala.
"Vimos ás Cíes porque nos encanta a natureza e queriamos un pouco dun espazo natural máis coidado e máis virxe", di un turista.
Outro dos lugares máis visitados foron Viveiro e Ferrol, no que a Semana Santa, declarada de interese turístico, atraeu un ano máis moitos turistas polas súas procesións.
"É moi bonito, moi agradable vir velo e unha emoción moi grande", di outra visitante.
E outro dos destinos imprescindibles para os que nos visitaron foi a Ribeira Sacra. O bo tempo convidou a contemplar a súa beleza. Segue a ser un dos lugares máis demandados na Semana Santa.
"Isto parece os fiordos noruegueses, parece Albania, a zona norte con estes lagos e as montañas", comenta outra turista.
Os visitantes chegaron tamén na procura da bondade das augas mineromedicinais, o descanso e o contacto coa natureza.
"Ten unhas instalacións bastante boas, hai unhas vistas espectaculares, precioso", engade outro turista.
En Santiago, a praza do Obradoiro e a zona vella volveu ser o epicentro dunha marea de turistas e de peregrinos. Este sábado chegaron preto de 3.000 peregrinos.
"Nós viñemos de Palma de Mallorca. Fixemos o camiño do norte e estivemos creo cinco ou sies días e xa marchamos", comenta unha peregrina.
Na Semana Santa, Galicia recibe sobre todo turismo da propia comunidade, tamén visitantes nacionais e moito turista portugués.
Dependendo das zonas, segundo os datos do Clúster de Turismo, a ocupación media estivo entre o 65 e o 75 %. O sector turístico galego representa o 14 % do PIB e xera uns 150.000 postos de traballo.