Os temporais rompen parte da presa do couto salmoeiro de Ximonde
"Xa non se pescaba salmón, agora menos", di un pescador do Ulla
A rotura tamén afecta a actividade do centro ictiolóxico de Ximonde
A presa de Ximonde non puido resistir a forza do Ulla despois dos últimos temporais. Un dos laterais acabou cedendo e agora o río discorre libre na beira da Estrada.
"Antes xa baixaba un regato, pero a chuvia acabou levando un cacho de presa. Non é moi grande, pero vai afectar as correntes e o efecto chamada dos peixes", explica Carlos Muñoz, traballador do Centro Ictiolóxico de Ximonde.
"Rompeu un anaco de presa duns sete ou oito metros, a auga tirou árbores e un anaco do salto, tamén anegou un pedazo grande da leira da beira. Isto vai afectar moito a pesca", di o pescador Manuel López.
Unha pesca de salmón xa moi minguada nos últimos tempos. De feito este ano está en veda. Pero di Manuel que, aínda que puideran pescalos, non os darían collido, porque, ao romper a presa, teñen por onde remontar o río sen atrancos.
"Antes, ao chegar á presa e ver que non daban subido, baixaban descansar ao couto e alí se pescaba os salmóns. Agora co anaco que hai aberto vai subir sen atranco ningún. Xa case non viamos salmóns nos últimos anos, agora nada, acabouse a pesca", lamenta o pescador.
Na outra beira da presa está o Centro Ictiolóxico de Ximonde, que axuda ao control da conservación do salmón. A eles a rotura do salto vailles dificultar o conteo de exemplares que ata o momento remontaban pola súa escada.
"Por un lado para o peixe mellor, porque teñen mais dispoñible o río para subir, pero é certo que para nós vai ser difícil facer un reconto exacto das poboacións de salmóns, porque moitos escaparán polo lado que non hai presa. A nosa función básica é de control, ás veces tamén collemos algún reprodutor para levar a piscifactoría e soltar os alevíns despois no río, pero o habitual é facer o reconto e soltalos de novo".
Sospeitan que a rotura se tivo que producir hai semanas, pero non foi ata estes días que baixou o caudal do Ulla que quedou á vista a dimensión da desfeita.