Os pescadores ultiman os prepartivos para o inicio da tempada nos ríos do país
A principal novidade este ano é que vai estar completamente prohibida a captura de salmóns
Os preto de 50.000 galegos con licenza de pesca fluvial contan as horas para o inicio da tempada, que comezará este domingo, 15 de marzo. Nestas xornadas previas, ocúpanse de preparar todo o equipamento, dende as botas ou as canas ata as moscas ou os chamados perdigóns, elaborados de xeito artesanal.
"Estamos preparando as canas, engraxando os carretes, montando as liñas, que se gastan ao longo da tempada, enchendo as caixas de moscas, desexosos de que chegue o primeiro día", sinala Alejandro Pérez, presidente do club de pesca Río Neira, de Láncara.
O custo de todo o material necesario para ir de pesca ao río pode chegar a varios miles de euros no caso dos pescadores federados, que no noso país ascenden a uns 3.000.
"A xente que empeza nunca vai investir tanto coma nun equipo profesional. Quen compite está obrigado a dispoñer das últimas innovacións e do mellores materiais, dentro do seu presuposto. Tamén é certo que un afeccionado vai ao río cun só equipo, mentres que o competidor vai con dous", explica Agustín Blanco, copropietario de Lucus Fishing.
Como novidade, este ano o salmón está vedado, polo que non se poderán capturar exemplares desta especie nos ríos galegos.
"Persoalmente, penso que chega moitos anos tarde, porque hai un declive bastante grande da poboación de salmóns", indica o presidente do club lancarés.
A tempada de pesca da troita prolongarase, por regra xeral, ata o 31 de xullo.