Cargando resultados...
Volven aos mercados polbo, nécora, cámaron e lumbrigante
Capturas escasas e pouca cría sementan preocupación en Bueu no primeiro día da campaña do polbo
Os primeiros polbos que chegaron a primeiras horas da tarde á lonxa de Bueu
G24.gal
01/07/2026 18:44
Última actualización 01/07/2026 18:53
Arredor de medio cento de barcos de baixura dedícanse exclusivamente ao polbo en Bueu. Din que os primeiros días agoiran como irá a campaña. Esta, no seu primeiro día, déixaos preocupados. Algúns non chegaron ás cotas, 35 quilos por home enrolado e a bordo e outros 35 por barco como comentan os mariñeiros.
Mírase pouco polbo este ano comparado co pasado. Tiña que coller 70 kg e collín 30.
Nuns sitios collías catro e noutros ningún. Para mín a metade ou menos do ano pasado. Calidade boa pero cantidade pouca.
Tras as dúas paradas da campaña anterior, dous meses por mal tempo e outros dous de veda, agardaban que a especie se recuperase máis, aínda que algo ulían segundo o patrón maior da confraría, José Manuel Rosas.
Certa preocupación hai porque parece que durante a veda, hai varios factores de vixilancia e seica non se detectou moito.
A auga cando está fría falla o polbo, agora mesmo está espléndida para o polbo.
O vento do nordés e a lúa chea non axudan. Na mente dos mariñeiros están os efectos do cambio climático que agardan que non inflúan na costa galega.
En Inglaterra que non collía polbo agora si que o fan, marchou para alí e no Cantábrico está desaparecendo.
A campaña anterior o prezo medio andou en 11,80 euros por quilo. Estas primeiras capturas xa estaban vendidas antes de desembarcalas.