Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre a tempada de pesca nos ríos galegos, con 48.453 persoas con licenza

Abre a tempada de pesca nos ríos galegos, con 48.453 persoas con licenza

Este ano o salmón está vedado en toda Galicia para asegurar que esta especie poida recuperarse

O número total de licenzas de pesca fluvial incrementouse en 784, un 1,64 % máis que en 2025

 

G24.gal 15/03/2026 14:52

A nova tempada de pesca en augas continentais galegas comezou na maior parte dos ríos de Galicia para as 48.453 persoas que contan nestes momentos con algunha licenza en vigor.

Acompañamos un dos pescadores da Sociedade de caza e pesca de Coristanco ao coto de Verdes, no río Anllós, este día en que abre a pesca da troita.  Despois dun inverno tan chuvioso, o río leva moita auga pero, polo menos nas primeiras horas, non vimos capturas.
 

"De momento toca algunha pero moi mal. A auga que tivemos facilitou a suba da troita polos regatos. Quizais agora non, non principio da tempada, pero para finais ou principios do ano que vén pode haber bastante troita porque as ovas que se puxeron este ano son troita para o ano que vén", explica Pedro Añón.

A sorte tamén esquiva con outros pescadores que atopamos augas arriba.

"Levamos unha hora pescando, para min é o primeiro día pescando con miñoca, unha técnica nova. Cruzámonos antes coa garda rural e díxonos que con néboa non pican tanto e que cando levante o día igual están máis activas. A esperanza é o último que se perde", di un pescador.

"A sorte é vir ao río e pasar o momento cos amigos e estar ben, despois nós xa sabemos que non vimos coller nada. Xa estamos concienciados", contan outros.

Segundo os pescadores, as verteduras de puríns e depredadores como os cormoráns acaban coas troitas. 

"A Xunta tiña que mirar un pouquiño máis por isto porque non se repoboa nin se controla o saneamento", quéixase Pedro Añón.

Di que anos atrás había bastante salmón neste río pero este ano non se viu ningún exemplar. 

"O resultado, de momento, é malo pero hai tempo, queda moito día e as troitas nalgún momento comerán algo. Nós tamén acabamos de comer un bocado", di outro pescador.

Este ano o número total de licenzas de pesca fluvial incrementouse en 784, un 1,64 % máis que en 2025.

Nesta primeira xornada, a conselleira de Medio Ambiente achegouse ata o couto de Chaián, ao paso do río Tambre por Trazo.

Ángeles Vázquez destacou que máis de 25.000 pescadores de entre 14 e 17 anos ou maiores de 65 anos benefícianse este ano da exención do pago de taxas que aplica a Xunta desde 2021.

Vázquez salientou que, como novidade, este ano haberá unha axuda de 2.000 euros ás entidades colaboradoras de pesca que teñan convenio coa Consellería.

Galicia conta con máis de 14.000 quilómetros de ríos e encoros nos que se poderá pescar desde este domingo e ata o 31 de xullo.

Este ano a pesca do salmón está vedada para asegurar que esta especie poida recuperarse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade