Unha tormenta causa un apagamento xeral en Lugo e colapsa semáforos e iluminación
A iluminación pública e a rede semafórica son as que máis van tardar en recuperar a normalidade
A cidade de Lugo quedou ás escuras esta madrugada despois dun gran trebón acompañado de raios. En Galicia descargaron máis de 2.000 raios en 24 horas, e a consecuencia en moitos lugares foi a perda da subminstración eléctrica, como ocorreu na Cidade das Murallas.
Pasada a medianoite Lugo quedou ás escuras. Case mil fogares quedaron sen luz. A subministración foise recuperando aos poucos, xa pasadsas as 4:00 da madrugada.
Un cento de vivendas aínda están sen servizo, aínda que a compañía eléctrica di que volverá "en breve". A iluminación pública e a rede semafórica están sendo as que máis tardan en recuperar a normalidade.
"Da tormenta que houbo esta noite, temos moitos cruzamentos sen fluído. Estragounos as proteccións, as tarxetas. Intentaremos que se vaia recuperando pouco a pouco, pero hai bastante canteira, a verdade", sinala Jacobo Pérez Castelao, técnico municipal de mantemento semafórico.
Os servizos municipais, con Bombeiros, Policía Local e os responsables dos equipos eléctricos, traballan desde primeira hora para restablecer a normalidade, segundo informa o Goberno municipal nun comunicado.
Os efectivos de emerxencias interviñeron en diferentes puntos do municipio para retirar árbores ou ramas con risco de caída sobre a vía pública.
Entre as zonas afectadas onde se centran estas actuacións figuran Fingoi, Montirón, a antiga estrada de Santiago e Adai, co obxectivo de garantir a seguridade viaria.
En paralelo, os servizos técnicos e eléctricos avanzan na posta en marcha progresiva das instalacións danadas por este fenómeno meteorolóxico.
Desde o Goberno local calculan que as tarefas para recuperar os servizos esenciais prolongaranse durante toda a xornada en distintos barrios da cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recoñeceu a gravidade das afectacións e confirmou que, tras consultar cos técnicos, os danos producidos no noso municipio "son dos máis importantes que lembran".
Por esta razón, a rexedora pediu cautela aos condutores, solicitando "que extremen as precaucións na circulación".
Os bombeiros de Lugo tiveron que traballar arreo para atender as incidencias dende a tronada, tanto para retirar as árbores coma os cables caídos.
"Sobre todo árbores e ramas que atravesan rúa e estradas. Segundo me comentaron os compañeiros da quenda da noite, caeu tamén un cable de media tensión polo paseo do Rato. E agora, de feito, seguimos traballando, con outras dúas saídas máis", afirma Francisco Otero, cabo dos bombeiros de Lugo.
A previsión do tempo é que siga chovendo o resto da semana, coa posibilidade de que volva tronar o xoves vindeiro.