Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Foi un estrondo grandísimo", di o veciño de Xermade que sufriu o impacto dun raio

"Foi un estrondo grandísimo", di o veciño de Xermade que sufriu o impacto dun raio

O afectado é un carpinteiro de Cazás, que se encontraba traballando no seu taller cando caeu o lóstrego

O home foi evacuado ao Hospital Universitario Lucus Augusti, onde xa foi dado de alta 

O obradoiro onde estaba a traballar o carpinteiro cando caeu o raio
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 07/10/2026 13:50 Última actualización 07/10/2026 14:21

A que ía ser unha xornada de traballo normal para os irmáns Cazás torceuse cando un lóstrego caeu enriba do seu taller de carpintería, situado na parroquia de Xermade que lles dá nome. Tras recibir a descarga eléctrica, José Manuel ficou atordado, o que fixo que os seus familiares alertasen o 112. 

"Soou ese primeiro trono, desconectamos as máquinas e ás tres e dez foi cando pasou. Foi de repente. O que recordo é un estrondo grandísimo e quedar en estado de shock, cunha dor tremenda nos oídos. Meu irmán seica estaba nunha máquina e desprazouse uns metros", sinala José Manuel Cazás. 

"Nese momento saltei e deixei todo. A verdade é que nos puxemos moi nerviosos. Durou unha décima de segundo pero foi impresionante. O ruído que caeu é indescritible", comenta o seu irmán Miguel. 

"Baixei e encontreime cos fillos atordados. Un deles non oía moi ben, polo que chamamos o 112. Rapidamente, apareceu unha patrulla da Garda Civil e veu tamén unha ambulancia", engade o seu pai, Manuel Cazás. 

A descarga do raio foi de tal intensidade que fundiu varios fusibles, o contador e un pastor eléctrico, ademais de abrir buratos por detrás do tubo da cheminea. Pola súa parte, a vítima do impacto tivo que ser evacuada ao HULA, de onde puido volver para a casa ás poucas horas tras se dado de alta.

"Quedamos en revisalo, sobre todo polo tema da audición. Hoxe encóntrome mellor, á parte do susto. Estamos aínda en estado de choque e tremendo despois do susto, pero estou bastante mellor", afirma José Manuel. 

"Eu encontrábame ben, e meu irmán estaba afectado dos oídos. Foi só por precaución, e ao final quedou todo nun susto", conclúe Miguel. 

O que lles caeu en Cazás foi un dos 2.700 raios que o temporal deste martes deixou por todo o país, segundo os rexistros de MeteoGalicia. E ademais da súa, as lostregadas provocaron outras 90 incidencias que foron atendidas polo 112.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade