Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca baixa de intensidade en Canarias tras unha noite de forte choiva e neve

A borrasca baixa de intensidade en Canarias tras unha noite de forte choiva e neve

Nestes momentos Gran Canaria segue en emerxencia, mentres que Tenerife, A Palma, A Gomera e O Hierro atópanse en alerta por choiva, e Lanzarote e Forteventura, en prealerta

A auga corre con forza nun barranco na Laguna, Tenerife (EFE/Alberto Valdés)
G24.gal 25/03/2026 08:21 Última actualización 25/03/2026 13:28

A borrasca Therese que afecta as Canarias desde hai unha semana baixou este mércores de intensidade nas illas de Tenerife e Gran Canaria, a segunda delas aínda en situación de emerxencia, tras unha noite de choiva que causou derrubas, escorrentías, caída de pólas e inundacións, e na que tamén nevou no Teide.

A borrasca Therese está deixando unha forte pegada nas Canarias, tanto pola súa intensidade coma pola súa extensión no tempo. Os intensos ballóns rexistrados en boa parte do arquipélago desde hai unha semana están cambiando ata a cor da auga do mar nas zonas onde desaugan os arrastres das riadas. O peor día foi este martes, con rexistros de ata 240 litros por metro cadrado en 24 horas. Ante o risco de inundacións polo rebordamento das presas, o Goberno insular decretou a situación de emerxencia en Tenerife e Gran Canaria e pediu a intervención da UME. 

A xestión desta situación excepcional faise especialmente complicada pola pouco predicible evolución da borrasca. Nas últimas horas volveu dar probas diso. Contábase que fose amainando definitivamente o martes pola tarde, pero ao cabo, contra a noite volveuse activar o aviso vermello en todo o norte de Tenerife. Na illa rexistráronse máis de 600 incidencias durante a noite, con inundacións en Puerto de la Cruz e outros concellos da zona e tamén desprendementos que afectan sobre todo a rede viaria.

Cóntase que a partir deste mércores Therese se desfaga definitivamente, pero o Goberno insular advirte que aínda pode provocar problemas nestas últimas horas porque o centro da borrasca está moi preto das illas. As precipitacións poderían ser por momentos moi intensas na Palma, Tenerife e Gran Canaria, e iso agrava os riscos ao caer sobre un terreo que xa está moi saturado de auga.

O Goberno de Canarias decidiu baixar de emerxencia a alerta por choivas en Tenerife e en Gran Canaria previsiblemente rebaixarase ao longo do día tras a mellora das condicións meteorolóxicas, segundo informou a EFE o viceconselleiro de Emerxencias e Augas do Goberno de Canarias, Marcos Lorenzo Martín.

Nestes momentos Gran Canaria segue en emerxencia, mentres que Tenerife, A Palma, A Gomera e O Hierro atópanse en alerta por choiva, e Lanzarote e Forteventura, en prealerta polo mesmo motivo.

A declaración de emerxencia só se activou en Tenerife e Gran Canaria debido á combinación de choivas intensas e alta densidade de poboación nas áreas afectadas, detallou o viceconselleiro, quen explicou que a desescalada se realiza en coordinación cos cabidos, que son os responsables de solicitar os cambios de nivel, e coa Axencia Estatal de Meteoroloxía, para garantir que os servizos de emerxencia poidan actuar de forma inmediata se é necesario.

En Gran Canaria o nivel de emerxencia, que polo momento continúa vixente, activouse onte á primeira hora ante o impacto das choivas e co fin de poder contar co apoio do persoal e a maquinaria pesada de que dispón a UME, que só se pode mobilizar cando a situación escala a ese nivel e a comunidade autónoma asume a coordinación.

Entre as incidencias máis destacadas en Gran Canaria atópanse as inundacións en Bañaderos, na costa do municipio de Arucas, e zonas contiguas, onde chegaron a caer 153 litros por metro cadrado en moi pouco tempo, o que precisamente motivou que o Cabido solicitara a axuda da UME.

Actualmente hai 24 presas de Gran Canaria que están a aliviar ou están a exceder, unha auga que chega ás canles dos barrancos e provoca unha maior escorrentía, o que tamén coloca a esta illa nunha situación de risco, ao que se suman os desprendementos que poden producirse despois de que termine a choiva.

En Tenerife foi a última hora de onte cando se decretou o nivel 2 de emerxencia e solicitouse a intervención da UME despois de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) elevase a aviso vermello por choiva a situación en Santa Cruz de Tenerife, que despois ampliou a toda a zona norte da illa.

Ante esta situación, o Goberno rexional enviou aos teléfonos móbiles da zona un Es-Alert advertindo do perigo da choiva, que provocou inundacións en Puerto de la Cruz e outros municipios do norte.

En Tenerife, o peor localizouse no norte, onde pecharon un tramo da autoestrada TF-5 á altura de Tacoronte por desprendementos e onde unhas 2.500 persoas permanecen sen subministración eléctrica nos municipios de Tacoronte, El Sauzal e La Matanza.

Desde esta tarde se prevé que xa non quede ningún aviso activo por choiva, aínda que podería haber precipitacións ata o sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade