Detido un grupo que roubou preto de 50.000 euros nun casino de Verín
A Garda Civil arrestou tres homes e outra persoa está a ser investigada
O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Verín desartellou un grupo criminal especializado no roubo con forza en establecementos de lecer tipo salóns de xogo-casino.
A operación iniciouse en febreiro do presente ano , despois de ter coñecemento dun roubo con forza nas cousas nun casino situado na localidade de Feces de Abaixo e da subtracción dun vehículo tipo furgoneta na localidade de Pazos.
Os autores, tras o roubo da furgoneta, desprazáronse ao casino onde, tras forzar a porta de acceso ao local, subtraeron do interior un caixeiro automático que se atopaba ancorado ao chan e ás paredes do establecemento.
O caixeiro foi localizado polos investigadores no lugar de Mandín, "esnaquizado e sen o total do efectivo que albergaba no seu interior", explicou a Garda Civil.
No marco da investigación, os axentes identificaron os autores dos roubos.
Detivéronse tres persoas nas localidades de San Javier (Murcia), Torre Pacheco (Murcia) e Verín (Ourense) e outra máis permanece investigada por estes delitos.
Os detidos son homes con idades comprendidas entre os 26 e 42 anos aos que se lles atribúe un delito de roubo con forza.