Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo positivo en hantavirus entre os illados no Hospital Gómez Ulla

Novo positivo en hantavirus entre os illados no Hospital Gómez Ulla

Trátase dun "contacto estreito" localizado grazas ao rastrexo "epidemiolóxico" activado tras o gromo no Hondius

Tras confirmarse o caso, o paciente foi trasladado á Unidade de Illamento de Alto Nivel. Europa Press Tras confirmarse o caso, o paciente foi trasladado á Unidade de Illamento de Alto Nivel. Europa Press
G24.gal 25/05/2026 20:00

O Ministerio de Sanidade confirmou este luns un novo positivo por hantavirus tras as probas PCR realizadas aos españois que permanecen en corentena no Hospital Central da Defensa Gómez Ulla.

Trátase dun "contacto estreito" que foi localizado grazas ao rastrexo "epidemiolóxico" que se activou tras o gromo a bordo do barco Hondius, segundo trasladaron desde o ministerio dirixido por Mónica García. O paciente mantense asintomático. Estivo baixo "vixilancia clínica" e illada desde que chegou ao centro sanitario, de acordo cos protocolos do Sistema de Alerta Precoz e Resposta Rápida.

Despois de confirmarse o positivo, foi trasladado á Unidade de Illamento de Alto Nivel, onde permanecerá "baixo supervisión" con "medidas de bioseguridade", segundo explicou Sanidade.

O confirmado este luns é o segundo positivo, o outro é un home de 70 anos que tamén está ingresado na Unidade de Illamento desde o luns 11 de maio, e xa está "practicamente asintomático".

Segundo o protocolo establecido polas autoridades sanitarias, o pasado venres flexibilizáronse as condicións do illamento dos 13 cruceiristas que ata entón deran negativo nas PCR, de forma que podían recibir visitas e saír ás zonas comúns da planta de ingreso, aínda que con estritas medidas de seguridade.

A detección deste caso non vai afectar ás corentenas do resto de españois illados no mesmo centro hospitalario, que van seguir coa folla de ruta marcada no protocolo aprobado por Saúde Pública.

Este luns cumpren o día 15 da súa corentena. Cando cumpran 28 días (o 7 de xuño), se seguen dando negativo nas PCR que se lles practican regularmente, poderán seguir o illamento no seu domicilio, coas medidas de seguridade establecidas. O período de incubación de hantavirus pode prolongarse ata as seis semanas, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).

As autoridades sanitarias subliñan que a detección do caso produciuse dentro do dispositivo de illamento e control xa activado, polo que non modifica a situación de risco para a poboación xeral nin altera as medidas de resposta epidemiolóxica actualmente en marcha

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade