Deteñen catro persoas en Vigo por roubos no interior de vehículos
A Policía Nacional resolveu nas últimas semanas varios roubos na cidade e recuperou os obxectos subtraídos, entre os que incluso había un equipo médico de alto valor
A Policía Nacional detivo en Vigo catro persoas como presuntas autoras de varios delitos de roubo con forza no interior de vehículos, recuperando obxectos subtraídos como ferramentas profesionais, material informático e un equipo médico valorado en 8.500 euros.
Segundo informa a propia Policía, estes arrestos leváronse a cabo en ata tres intervencións policiais distintas. A primeira delas foi a mediados do mes de abril, cando axentes da Policía Local localizaron dous maletíns de ferramentas e un equipo médico de ventilación, todo iso de presunta procedencia ilícita.
Por iso, o material foi entregado na Comisaría da Policía Nacional para a súa investigación, logrando identificar o propietario dun dos maletíns, que fora roubado da súa furgoneta no barrio das Travesas a finais de marzo. Nesas mesmas datas roubárase no Castro o equipo médico noutro coche.
Isto permitiu identificar o presunto ladrón, que foi detido o 30 de abril.
Días máis tarde, o 8 de maio, arrestouse a outro home por un roubo no interior dun vehículo e unha tentativa de roubo nun domicilio. Un matrimonio denunciara que, de madrugada, escoitou como alguén introducía unha chave na pechadura da súa vivenda. Despois comprobaron que o seu coche fora forzado e faltaba un xogo de chaves da súa casa.
A terceira intervención supuxo a detención dunha parella sorprendida con material roubado saíndo dun ascensor público situado nas Travesas. Nas súas mochilas levaban ferramentas, un computador e diverso material informático, comprobando os axentes que na zona se producira un roubo nun vehículo do que faltaban obxectos que coincidían cos que levaban os detidos.