A dous roubos por día nos Mallos, na Coruña: "Son sempre os mesmos"
Entran en coches, estean na rúa ou en garaxes, e en negocios: "Van a tiro fixo, onde saben que hai cartos"
Entre as últimas vítimas, unha taxista e un bar, aos que lle levaron a recadación de todo un día de traballo
Os roubos no barrio coruñés dos Mallos van a unha media de dous coches por noite.
"En catro meses é a segunda vez que me pasa. Da outra vez non me romperon os cristais pero levantáronme a goma toda da ventá e notábase que quixeron meter unha pata de cabra. En moi pouquiño tempo, atopar o coche asi... e agora falaba cunha rapaza que tamén lle pasou o domingo e dicíame que perdeu toda a mañá, que non puido ir traballar", lamenta unha veciña.
"En canto un pon que hai un coche rompido, baixa todo o mundo á rúa para ver se é o seu coche. Tremendo, isto é tremendo! Houbo unha temporada que andaban ás balizas. Mesmo houbo outra temporada que entraban en furgonetas para roubar material", coincide Ana Fernández Neira, presidenta da Asociación Independiente Mallos Vioño.
Buscan carto fácil, e van a tiro fixo, en coches ou negocios. O último en sufrilo foi este bar dunha familia venezolana. Nai e filla.
"Sobre as cinco e media escoitei un ruído, que pensei que caeran as botellas do bar e fun rapidamente á cámara e xa vin ao mozo xusto cando pasaba por diante da cámara. Sabía ao qu viña porque foi directamente á caixa rexisradora. Arrincouna e levouna. Foi cuestión de segundos porque as alarmas actívanse aos dez segundos e antes deses dez segundos xa estaba arrancando as caixas para saír. O burato que deixou era súper pequeno", explica Stefany Ramírez, a propietaria do Bar Venus.
Detrás, un regueiro de estragos, as perdas do día e tamén medo.
"Agora mesmo, pánico. Ese mesmo día veu un rapaz que nunca viñera e esa persoa chegou mirando todo. Sentou xusto onde temos a cámara e a miña irmán e a miña nai non lles dou boa espiña e temos a dúbida de que fora esa mesma persoa", confesa Stefany.
Sospeitan, aínda que non aseguran, que puido ser o mesmo que esta mesma semana entrou en varios garaxes de Vioño. Entre os afectados, dous taxis. Un deles o de Anny, un coche de alta gama.
"Fun parva porque acabei moi tarde a quenda e pensei que era mellor non levar os cartos enriba ás tres da madrugada. Levaron uns 800 euros, toda a recadación, o TPV, aparellos de traducir...", detalla Any Voinea, taxista e vítima.
En total, uns 2.000 euros de perdas económicas e o peor... a impotencia.
"Entraron cunha violencia, incluso en garaxes privados, forzando as dúas portas de acceso ao garaxe", engade.
Saben quen son. Crúzanos pola rúa. E póñenlle nome ao problema: a droga.